Cultura e Educación reforzará con 1,2 millóns de euros os investigadores beneficiarios dos programas Starting, Consolidator e Advanced Grants

O Consello da Xunta dálle o visto e prace a un convenio entre a Consellería e as tres universidades do SUG a través do cal os investigadores principais recibirán axudas complementarias para crear ou consolidar o seu propio equipo ou programa de investigación

Os Starting percibirán 50.000 euros, os Consolidator 65.000 e os Advanced 80.000 euros anuais durante a vixencia das súas subvencións, outorgadas polo Consello Europeo de Investigación (ERC)

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 e do programa Oportunius, orientados a captar e reter o mellor talento investigador de Galicia

Xov, 09/07/2015 - 19:30

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais as tres universidades do SUG (Sistema Universitario de Galicia) mediante o cal os investigadores principais beneficiarios dos programas Starting Grants (StG), Consolidator Grants (CoG) e Advanced Grants (AdG) recibirán axudas complementarias –que se suman ás outorgadas polo Consello Europeo de Investigación (ERC)– para crear ou consolidar o seu propio equipo ou programa de investigación.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C), en liña co programa Oportunius, co que a Xunta de Galicia, co esforzo das consellerías de Cultura e Educación e Economía e Industria, busca captar e reter o mellor talento investigador en Galicia.

Pola súa banda, o programa ERC forma parte do alicerce “ciencia excelente” do Horizonte 2020 e é singular tanto pola natureza das candidaturas e polos investigadores individuais, como polo crecente prestixio que están a adquirir, xa que se recoñece a nivel internacional (non só europeo) a excelencia dos proxectos. A concesión, por tanto, dota de prestixio os candidatos que logran éxito na súa proposta e as universidades ou institucións que os acollen.

Ao abeiro deste convenio, o departamento que dirixe Román Rodríguez destinará máis de 1,2 millóns de euros a tal fin co obxectivo de apoiar a actividade destes investigadores excelentes e, en consecuencia, incentivar a súa permanencia no SUG, así como potenciar a creación dunha rede científica ao seu redor. Trátase, por tanto, dun convenio que reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa investigación universitaria, un ámbito no que a captación e retención do mellor talento con ideas innovadoras é esencial para fortalecer e fomentar a excelencia científica dentro do sistema público galego de investigación.

Neste sentido, a contía das axudas complementarias variará segundo a categoría do programa co que foron recoñecidos. Deste xeito, en virtude do convenio cada StG percibirá 50.000 euros por ano, os CoG recibirán 65.000 e os AdG, 80.000. Os investigadores beneficiaranse deste respaldo económico durante a vixencia –cinco anos– das súas axudas ERC. De feito, o acordo entre Consellería e universidades estenderase ata 2019.

Obxecto das axudas

As ditas axudas están orientadas a financiar as actividades destes investigadores singulares sempre e cando manteñan a vinculación laboral coa súa universidade e non as empreguen para financiar custos xa cubertos directamente polas subvencións dos diferentes programas Grants da Unión Europea. Si se poderán utilizar para sufragar o custo da contratación do persoal investigador ou auxiliar para formar o equipo, os gastos de equipamento e material funxible, os de formación do persoal do equipo ou os derivados dos desprazamentos vinculados co proxecto, entre outros.

É dicir, este convenio non só busca contribuír a costear os gastos asociados á creación e consolidación dun equipo dependente dun investigador principal, senón que tamén axudará a impulsar unhas carreiras profesionais independentes, reforzando a excelencia, o dinamismo e a creatividade da investigación. 

Sete galegos con proxectos de investigación ERC

En total, son sete os investigadores principais galegos que se beneficiarán deste programa de axudas, posto que son os únicos con subvencións vixentes outorgadas polo ERC. En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela conta con catro Starting Grants e un Advanced, a Universidade da Coruña ten entre as súas filas a un StG e a de Vigo, a un Consolidator.

O programa StG está pensado para persoal investigador que acumule de 2 a 7 anos de experiencia dende a finalización do doutoramento, o CoG para científicos con entre 7 e 12 anos e o AdG, para aqueles que xa contan cun mínimo de 10. Ambos os tres programas prevén axudas a longo prazo –cunha duración de ata cinco anos– co obxectivo de potenciar proxectos pioneiros e innovadores nos diferentes campos de actuación dos investigadores recoñecidos, unhas persoas que presentan un perfil moi singular así como unha traxectoria prometedora.      

Crear un contorno para reter os investigadores

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera que é altamente estratéxico apoiar as iniciativas do Consello Europeo de Investigación e mellorar as condicións necesarias para crear un contorno capaz de reter a estes investigadores de referencia.

Ademais, cómpre lembrar que o éxito nestes programas, máis aló do retorno científico e económico que o investigador produza, supón un indicador de calidade para o organismo no que este desempeña directamente o seu traballo e, polo tanto, para o conxunto do sistema galego de I+D+i.

Menús News node R