Cultura e Educación licita por preto de 1,6 millóns de euros a primeira fase da ampliación do CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra

Construirase un novo volume de case 1.700 metros cadrados para dar servizo aos ciclos formativos das familias de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias

Xov, 09/07/2015 - 13:29

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de licitar as obras de ampliación da primeira fase da ampliación do CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, por un importe de preto de 1,6 millóns de euros. Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, (que pode consultarse no enderezo electrónico http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150709/AnuncioG0164-060715-0003_gl.html ), o prazo de execución desta primeira etapa dos traballos será de cinco meses a partir da formalización dos traballos.

Con esta actuación, o departamento educativo do Goberno galego reforza o seu compromiso cun centro de recoñecido prestixio que forma parte da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría e que foi un dos primeiros en desenvolver proxectos de FP Dual. Deste xeito garántese que o CIFP Carlos Oroza conte cunhas instalacións de máxima calidade xa nunha primeira fase, e que serán completadas con dúas fases posteriores.

Precisamente estas obras de ampliación teñen como principal finalidade dotar ao centro dunhas instalacións axeitadas para dar un mellor servizo aos ciclos profesionais de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias.

O proxecto inclúe a construción dun novo volume de case 1,700 metros cadrados distribuído en baixo máis 2 plantas. Esta nova edificación, conectada co edificio existente,  acollerá na planta baixa a cociña demostración, economato e almacén con cámaras de frío. Na planta primeira disporase unha aula-taller de cociña. Nunha segunda fase acondicionarase a planta segunda con talleres de panadería e pastelería e confitería-chocolatería.