A Consellería de Educación confirma a absoluta normalidade no inicio de curso non universitario 2010/2011

O presente ano escolar foi o de estrea de novos proxectos como o ABALAR e o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Mér, 13/10/2010 - 22:04
Xesús Vázquez Abad compareceu no Parlamento
Xesús Vázquez Abad compareceu no Parlamento

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu conta hoxe no Parlamento da normalidade coa que transcorreu o comezo no curso non universitario 2010/2011, no que a pesares da crise económica que se esta a vivir o Goberno galego, mantén a calidade no ensino ao tempo que foi quen de incorporar novidosos plans como o ABALAR e o de Potenciación de Linguas Estranxeiras.

Así, o conselleiro destacou a normalidade coa que comezaron o curso os máis de 195.000 estudantes de Infantil e Primaria, un 1,2% máis que no curso pasado. Do mesmo xeito aconteceu cos máis de 164.000 alumnas e alumnos de Educación Secundaria, Bacharelato, FP, Educación Especial e de Ensinanzas Artísticas e Deportivas. Nesta etapa o número de matriculados en ESO e Bacharelato descendeu nun 2,8% fronte ao incremento dun 8% en FP, grazas ao esforzo desenvolvido pola actual administración que “en pouco máis dun ano de lexislatura adaptou 30 currículos de ciclos de FP, fronte aos seis do bipartito en toda a lexislatura pasada”, destacou o conselleiro.

O descenso no número de estudantes na educación secundaria e bacharelato levou consigo unha restruturación do profesorado interino destes ciclos, que neste momento supón un 1,4% menos que no curso pasado. Aínda así o conselleiro recordou que “o axuste aínda será menor, xa que estamos esperando a firma co Ministerio de Educación das últimas 17 medidas do Plan de Acción, entre elas o Plan PROA, que permite o reparto entre dos profesores as comunidades autónomas”. Cómpre recordar que a ratio de profesor por alumnos en Galicia é unha das máis baixas do Estado, con 9,6 alumnos por profesor, fronte aos 11,2 que teñen en Andalucía.

Servizos complementarios

No relativo aos servizos complementarios de comedor e transporte escolar, Vázquez Abad sinalou que “neste escenario de crise económica, ademais da calidade do ensino e de ofertas con perspectivas laborais, é fundamental manter o compoñente de política social que supoñen estes servizos. A Consellería de Educación mantén o seu compromiso de seguir ofrecendo e, na medida do posible, incrementando a oferta, ao tempo que procurará unha xestión transparente e eficiente dos mesmos”.

Deste xeito cando falamos de comedores escolares, aínda con datos provisionais, “máis de 64.700 comensais utilizaran este curso este servizo” dixo o conselleiro, quen engadiu ademais que “se teñen introducido avances no transporte escolar coa reestruturación e mellora de máis de 4.800 rutas. Para beneficio de 90.000 escolares”. Tamén destacou que no presente curso o número de usuarios incrementouse nun 2,3%, e grazas a un acordo cos transportistas o custe reduciuse nun 7%.

Novos proxectos

Durante a súa intervención no Parlamento o conselleiro recordou que este ano os escolares galegos terán novos ferramentas coas que mellorar a calidade educativa como son o Proxecto ABALAR e o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. No relativo ao primeiro, Xesús Vázquez explicou que “queremos unha Galicia preparada, e por iso o sistema educativo galego non pode quedar á marxe da transformación que supón a chegada e o uso das potentes tecnoloxías da información e da comunicación (TICs). Por iso este Goberno puxo en marcha este ano o Proxecto Abalar, para arredor de 14.500 estudantes de primaria e secundaria, que así poderán mellorar as súas competencias dixitais”.

Por outra banda, no relativo ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras,  o conselleiro confirmou que del xa se beneficiarán este curso máis de 29.000 escolares. Este proxecto, explicou, xa se está a facer realidade a través dos primeiros 58 centros plurilingües, 18 máis dos previstos ao comezo. O plan complementase con máis de 1.500 seccións bilingües, 400 ca no curso pasado. O conselleiro recordou que “o Plan vese reforzado pola chegada de máis de 260 auxiliares de conversa, que prestarán especial apoio aos profesores dos centros plurilingües e seccións bilingües. Deste xeito Galicia contará este curso con catro veces máis auxiliares de conversa; sendo a nosa comunidade unha das que máis ten xunto a Andalucía e Madrid”.

Reforzo na aprendizaxe de linguas

No relativo á aprendizaxe de linguas, o titular de Educación engadiu que se reforzou a oferta de mellora da competencia en linguas estranxeiras a través das Escolas Oficiais de Idiomas. Nestes centros, a Consellería creou este ano 1.400 novas prazas distribuídas en 47 novos grupos e dúas novas seccións nos concellos de Nigrán e Negreira. Ademais, e para facilitar a matriculación, este ano implantouse un sistema on-line.  A actual administración xa incrementou nun 22% o número de prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas.

O conselleiro non esqueceu sinalar que este ano volveuse á normalidade lingüística entre o galego e o castelán e ao equilibrio nas aulas atendendo a demanda do galegos. Vázquez Abad recordou que “fomos máis ambiciosos e afrontamos o reto de avanzar máis. Xa en 58 centros plurilingües estamos a garantir tamén o equilibrio entre galego, castelán e unha terceira lingua estranxeira, cun máximo de 33% en cada un dos idiomas.  Porque non podíamos deixar ás galegas e galegos á marxe da competencia noutras linguas, algo tan necesario na sociedade actual”.

Outras actuacións

O responsable do departamento dixo que tamén se está a traballar na mellora da convivencia das aulas xa que “para a Consellería,  reducir ou eliminar o conflito e xerar unha maior convivencia nas aulas pasa por dotar á figura do profesor dun reforzamento da autoridade”. Neste sentido, anunciou que “estamos decididos e traballamos para dotar a Galicia dunha Lei de dignificación e autoridade do docente e de participación das familias. O presente curso será o que sente as bases para que os docentes recuperen o seu valor como transmisores dos valores aos cidadáns e cidadás do futuro. Para iso a Consellería contactou cos expertos do ámbito da docencia e da xudicatura para formar un grupo de traballo e elaborar o texto”.

Respecto das iniciativas de fomento da lectura, Vázquez Abad dixo no Parlamento que no curso 2010/2011, 375 centros están integrados no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares), das que 79 son de nova incorporación. Xunto a isto xa está en marcha o Plan LÍA de Bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe que incorpora novas medidas para estabilizar as bibliotecas escolares, como poden ser recursos para a aprendizaxe e a innovación pedagóxica dentro dos centros educativos”.

Finalmente o conselleiro destacou que por riba de todo o propósito da Administración é realizar todos os esforzos precisos para lograr a mellor educación sen deixarse vencer pola crise actual, facendo o mellor uso posible dos recursos económicos, materiais e humanos dispoñobles. Vázquez Abad dixo que “seguiremos traballando por procurar os avances que precisa o noso sistema educativo, coa participación das familias e dos docentes”.