Cultura e Educación convoca os centros escolares para adherirse ao Plan Proxecta, que oferta dez programas máis para o vindeiro curso 2015-2016

Ao abeiro desta iniciativa poderán desenvolver actividades complementarias en eidos tan variados como a saúde, a ciencia e a tecnoloxía, o medio ambiente, o consumo responsable, o patrimonio, a solidariedade e a igualdade, entre outros

No Plan participan oito organismos do Goberno galego así como o Ministerio do Interior a través da Dirección Xeral de Tráfico

O Plan é froito da cooperación entre as distintas entidades do Goberno galego co fin de favorecer a innovación nos centros de ensino

Axuda a impulsar o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos

Mér, 01/07/2015 - 10:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que os centros educativos participen na convocatoria dos programas convocados ao abeiro do Plan Proxecta para o vindeiro curso 2015-2016.

Os centros escolares teñen ata o 15 de outubro para solicitar a súa participación nalgún dos 38 programas que se ofertan desta volta, dez dos cales son de nova incorporación. A listaxe de programas así como as condicións da convocatoria poden consultarse no DOG de hoxe, no enderezo electrónico http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150701/AnuncioG0164-220615-0007_gl.html .

O Plan Proxecta é unha iniciativa do departamento educativo do Goberno galego que se deseña en colaboración co resto das consellerías e outros organismos e que ten como finalidade fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan competencias clave e a educación en valores.

Ao abeiro deste Plan, os centros teñen a oportunidade de organizar -cunha metodoloxía de traballo ordenada e unificada, e dentro do currículo escolar- unha serie de actividades complementarias que poden resultar moi interesantes para a comunidade educativa e, ademais, estreitamente vinculadas coa actualidade. Como se leva facendo nos últimos tres anos, os programas ofertados tratan de afondar e fomentar coñecementos e prácticas relacionadas coa saúde, a ciencia e a tecnoloxía, o medio ambiente, desenvolvemento sostible, o consumo responsable, o patrimonio, a solidariedade, a igualdade, a comunicación e o voluntariado, entre outros.

Novos programas: saúde, cultura, medio ambiente, deporte, mobilidade e tecnoloxía

Así, para o vindeiro curso incorpóranse dez programas novos. No eido da saúde e a alimentación, a través da Consellería de Sanidade ofértanse ‘Cociñando con saúde’, ‘Xermoliño’ e ‘Xermolón’, todos eles encamiñados á concienciación do alumnado sobre a importancia da calidade alimentaria e á promoción da alimentación saudable e a adquisición de pautas de consumo responsable.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación promove dous programas novos que son ‘Mirando polo Camiño’ (de coñecemento, divulgación e protección do patrimonio cultura vinculado ao Camiño de Santiago), e ‘Ti es creador’, da AGADIC en colaboración coa SGAE, co fin de promover a alfabetización audiovisual e o desenvolvemento de experiencias creadoras.

No ámbito do medio ambiente e en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, desenvolveranse  ‘Protexe os animais’ e ‘Naturézate’. A través da Secretaría Xeral para o Deporte incorpórase o programa DAFIS (de promoción da vida activa e saudable), e a Axencia para a modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colabora no ‘Aprendo programando’ (uso da programación como ferramenta para desenvolver as competencias do alumnado no eido da ciencia e tecnoloxía). Finalmente, co apoio da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, incorpórase o programa ‘Mobilidade sostible e segura’.

Cooperación institucional

O Plan Proxecta crea un marco xeral de cooperación entre as distintas entidades do Goberno galego co fin de favorecer a innovación nos centros educativos a través de  programas externos que buscan impulsar o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos.

Ao abeiro do devandito Plan e baixo a dirección do departamento de Cultura e Educación, convócanse baixo o mesmo marco metodolóxico os programas educativos que desenvolven oito departamentos do Goberno galego e un do Goberno do Estado. Neste curso participan a Presidencia da Xunta de Galicia (a través da SX para o Deporte-Fundación Deporte Galego, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia-Amtega); a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (a través da DX de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e da SX de Igualdade); a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; a Consellería de Economía e Industria (a través do Instituto Galego de Consumo); a Consellería de Sanidade (a través do Sergas); a Consellería de Traballo e Benestar; a Consellería de Medio Rural e do Mar, e, por último, a propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Polo Goberno do Estado participa o Ministerio do Interior a través da Dirección Xeral de Tráfico.

Cómpre lembrar que neste curso que acaba de rematar, arredor de 72.000 alumnos e 4.400 docentes de 420 centros de ensino público e concertados participaron neste Plan, e desenvolveron un total de 755 proxectos relacionados cos distintos programas ofertados.