O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñece a excelencia do sistema educativo galego

Catro estudantes galegos conseguen o Premio Nacional de Formación Profesional de Grao Superior

O CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, o CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, o IES Daviña Rey de Monforte e o CPI Suárez Marquier de O Rosal gañan os Premios Nacionais de Educación de ensinanza non universitaria do ano 2014

Ven, 26/06/2015 - 13:47
 O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñece a excelencia do sistema educativo galego
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñece a excelencia do sistema educativo galego

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte fixo hoxe entrega dos Premios Nacionais de Educación e dos Premios Nacionais de Formación Profesional de Grao Superior nos que resultaron premiados catro alumnos e catro centros educativos galegos.

Os estudantes ditinguidos no acto de entrega celebrado no Consello Superior de Investigacións Científicas de Madrid,  foron Eva María García López, alumna de Edificación e Obra Civil do CIFP Someso da Coruña; Lara María Quiñoá Piñeiro (Imaxe e Son) do CPR TIC Escola de Imaxe e Son de Lugo; Raquel Graña Liste (Sanidade) do CIFP Ánxel Casal da Coruña; e Daniel Palomanes Paz (Transporte e Mantemento de Vehículos) do IES Universidade Laboral de Ourense.

En canto aos centros, resultou vencedor do Premio Nacional á Inclusión do Alumnado con Necesidades Educativas Especiais o CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos (A Coruña) co proxecto “Atención á diversidade a través da sensibilización e a formación permanente. Seguimos ou plantamos”; mentres que na categoría de Desenrolo de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais resultou gañador o CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu (Pontevedra) co proxecto “Expresámonos a través de diferentes linguaxes”. Ademais, na modalidade de Proxectos de Utilización das TIC na Docencia,  foi galardoado “Monte sen Lume” presentado por un equipo docente formado por profesores dos centros educativos IES Daviña Rey de Monforte de Lemos (Lugo) e o CPI Suárez Marquier de O Rosal (Pontevedra).

Obxectivos

O obxectivo desta convocatoria é o de conceder, con carácter anual, 26 premios nacionais, un por cada familia profesional. Para a súa concesión tivéronse en conta tanto a nota media do expediente académico como a puntuación dada a outros méritos académicos ou profesionais.

Puideron acceder aos galardóns todos os alumnos e alumnas que gañaran con anterioridade o Premio Extraordinario de Formación Profesional de grao superior convocado pola súa Comunidade Autónoma ou polo Ministerio de Educación no curso 2012-13.

Pola súa parte, os Premios Nacionais de Educación no ensino non universitario enmárcanse na vontade da LOMCE de que tanto Ministerio como Comunidades Autónomas recoñezan e premien o labor didáctico ou de investigación de profesores e centros, facilitando a difusión entre os distintos centros escolares das experiencias que, pola súa calidade e esforzo, merezan ese recoñecemento