Román Rodríguez eloxia o labor a prol da lingua galega de Ángel Carracedo, Consuelo Castro e Ricardo Gurriarán
Os tres recolleron hoxe os Premios Lois Peña Novo, que se levan outorgando ao longo de 21 anos co obxectivo de recoñecer o traballo de persoas, institucións ou empresas que axudan á normalización lingüística do galego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, eloxiou hoxe o labor a prol da lingua galega do catedrático de Medicina Legal da USC e insigne investigador Ángel Carracedo, da xefa territorial da Avogacía do Estado en Galicia, Consuelo Castro; e do historiador, escritor e director da área de historia da Fundación 10 de Marzo, Ricardo Gurriarán; cuxo traballo cotián axuda a consolidar o emprego do galego nos seus ámbitos profesionais, desde os que se fai extensivo á sociedade galega en xeral.
Son “tres persoas excepcionais” -en palabras do titular do departamento educativo da Xunta- que “pertencen á estirpe daqueles que desde hai máis de cen tanos traballan por unha Galicia mellor, na que a lingua galega debe posuír o estatus que lle corresponde pola súa condición de lingua propia”.
De feito, os Premios Lois Peña Novo recoñecen o traballo de persoas, institucións ou empresas que, a través do seu día a día, contribúen a asentar e ampliar o uso do galego nas administracións públicas, na vida institucional e na sociedade, axudando así a avanzar no proceso de normalización lingüística da lingua propia de Galicia.
Neste contexto, Román Rodríguez tamén lembrou as medidas que se están desenvolvendo desde a Consellería para potenciar o uso do galego no tecido económico, enmarcadas dentro do Plan de dinamización da lingua galega neste eido para o período 2015-2020. Unha folla de ruta nutrida con achegas de diferentes axentes sociais e que se está elaborando, segundo recordou o conselleiro, tendo en conta a influencia que exerce a estrutura económica dun país sobre as actitudes e comportamentos lingüísticos.
Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; a vicerreitora de Investigación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.