Román Rodríguez preside a entrega das bolsas Ventura Figueroa a 20 estudantes de ensinanzas superiores

O conselleiro de Cultura e Educación definiu a Manuel Ventura Figueroa como “un adiantado ao seu tempo” que “decidiu deixarlle aos seus descendentes o mellor legado posible, a oportunidade de educarse”

Xov, 25/06/2015 - 14:29
 Román Rodríguez preside a entrega das bolsas Ventura Figueroa a 20 estudantes de ensinanzas superiores
Román Rodríguez preside a entrega das bolsas Ventura Figueroa a 20 estudantes de ensinanzas superiores

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) o acto de entrega das bolsas que a Fundación Manuel Ventura Figueroa concedeu a 20 estudantes de ensinanzas superiores. O titular de educación salientou que “Don Manuel foi un adiantado ao seu tempo, que decidiu deixarlle aos seus descendentes o mellor legado posible, a oportunidade de educarse, e de adquirir unha cultura de seu e labrarse, deste xeito, un futuro”. Ademais do conselleiro, participaron no acto Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da Consellería; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; e os membros da Fundación.

Requisitos

Os beneficiarios tiveron que demostrar estar emparentados co fundador e para elo tiveron que achegar a súa partida de nacemento, as dos seus pais e como recomendación tamén as dos seus avós. No caso de ascendencia “figueroista”, foi necesario achegar unha copia do documento de recoñecemento ou ben a referencia do DOG ou do BOE no que se lles concede tal condición. Ademais, foron seleccionados por unha comisión que avaliou criterios como a súa traxectoria académica e o nivel de renda familiar.

O legado de Ventura Figueroa

A Fundación foi creada no ano 1784 –é a máis antiga de España– polos testamentarios de Ventura Figueroa, para dar cumprimento a súa vontade de que o seu patrimonio fose utilizado para dar estudos e dotes aos seus parentes máis pobres. Nado en Compostela en 1708, formou parte da Igrexa Católica, chegando a ser Arcebispo en Laodicea. Tamén tivo unha participación activa na vida política da época, intervindo na reforma de moitas leis e converténdose en home de confianza do Rei Carlos III.

Dende o ano 2002 aFundación convoca, con carácter anual,  bolsas para a axuda o estudo destinadas aos parentes do patrón que cumpran os requisitos esixidos polo Padroado, dando así cumprimento á súa vontade testamentaria.