O Consello da Xunta dá o visto e prace ao decreto polo que se conxelan os prezos públicos das matrículas universitarias para o vindeiro curso 2015-2016
O Goberno galego opta, por terceiro ano consecutivo, por manter invariables as taxas, o que confirma as tres universidades do SUG como as máis accesibles de toda España, como vén facendo desde 2009
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao Decreto que fixa os prezos públicos dos estudos para a obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para o vindeiro curso 2015-2016, e no que se establece que se manteñen as mesmas taxas que as establecidas para este curso que agora remata.
O Goberno galego ratifica de novo o obxectivo de manter as taxas universitarias nos niveis dos cursos anteriores, de xeito que as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) continúan como as máis accesibles de toda España. É dicir, que a Xunta reforza o seu compromiso coa igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores para o vindeiro curso, ao manter os prezos públicos das matrículas de graos e máster universitarios más baixas de todo o territorio nacional.
A través do Decreto aprobado hoxe regúlanse os prezos públicos das ensinanzas renovadas; das ensinanzas de grao adaptadas ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES); das ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais e dunha profesión regulada en España segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable; e para as ensinanzas de máster non comprendidas no apartado anterior. En todos os casos se manteñen invariables as contías dos anos anteriores.
Ensinanzas de grao
No caso das ensinanzas renovadas e dos graos adaptados ao EEES o prezo medio da primeira matrícula será de 9,85€/crédito para as titulacións encadradas dentro da rama de Arte e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas; e de 13,93 €/crédito para as das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura e grao en Belas Artes. É dicir, no caso dos graos universitarios, o prezo medio das primeiras matrículas de grao (que representan un 84,07% do total) mantense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España, fronte aos 33,52 euros de media de Cataluña.
Para as segundas matrículas (o 10,98% do total) o prezo promedio sería de 16,46 euros (13,62 € para as de ramas de letras e 19,3 para as técnicas); de 26,62 euros para a terceira matrícula e de 33,92 euros para cuarta e sucesivas.
Ensinanzas de máster
No caso das ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais, na primeira matrícula establécese unha taxa de 20,25 €/crédito para os máster universitarios en Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas de Idiomas, e en Avogacía; e de 29,81 € para os máster técnicos (diversas enxeñerías, Psicoloxía xeral sanitaria, prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental). Para outras ensinanzas de máster oficial van dos 21,61 € ata os 31,36 € . Por tanto, tamén no caso dos máster os prezos son os máis baixos, cunha media de 26,49 euros, fronte aos 65,87 euros/crédito de Cataluña.
Galicia, líder no apoio ao estudantado
Cómpre lembrar que Galicia é comunidade líder na defensa duns prezos públicos axustados que permitan que ninguén quede fóra da Universidade por motivos extra académicos. Para iso, o Consello Galego de Universidades informou favorablemente a subida mínima permitida dos prezos públicos (o IPC) nos cursos 2009/2010, 2010/2011 e 2011/2012. A partir do cambio de sistema para a actualización dos prezos, o curso 2012/2013 decidiuse conxelar os prezos públicos da primeira matrícula de grao e aprobar a suba mínima posible para os de sucesivas matrículas. Para os cursos 2013/2014 e 2014/2015 optouse pola conxelación, ao igual que se acordou agora para o curso 2015/2016.
Doutra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva anos desenvolvendo políticas activas de apoio ao estudantado universitario a través de liñas de axuda concretas. Neste eido enmárcanse as axudas para os alumnos que se vexan afectados por causas imprevistas poidan continuar os seus estudos universitarios, que este ano está dotado cun orzamento inicial de 100.000 euros. Tamén se convocarán, un ano máis, as axudas específicas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoa en situación de desemprego - cun orzamento de 200.000 euros e que no pasado curso beneficiaron a 61 estudantes. Outras liñas son as convocatorias tanto para o inicio e continuación de estudos universitarios, dirixidas a quen non cumprise os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio, e do que se beneficiaron neste curso que agora remata 147 estudantes.