Cultura e Educación repasa as liñas mestras do plan de financiamento 2011-2015, que permitiu blindar os fondos e garantir a estabilidade financeira das universidades
A contía prevista no acordo asinado en 2010 incrementouse e xa supera os 2.200 millóns de euros
O secretario xeral de Universidades salientou que Galicia foi a segunda comunidade autónoma que menos diminuíu a súa achega ás universidades pese a atravesar un período de dificultades económicas
O Plan, froito do diálogo e do consenso, introduciu un novo modelo baseado na consecución de resultados, a través do que se recoñece o esforzo de cada institución
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, fixo hoxe balance no Parlamento das liñas mestras do Plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2011-2015. Un documento que permitiu blindar os fondos ás universidades nun contexto de dificultades económicas e, ao mesmo tempo, garantir a súa estabilidade financeira.
Trátase dun marco -segundo sinalou Díez de Castro con motivo da súa comparecencia na Comisión 4ª de Educación e Cultura- “dinámico, flexible, sostible, equitativo e eficiente”, creado ao abeiro do diálogo e o consenso institucional e sempre baixo o respecto á autonomía universitaria.
Coa súa posta en marcha, este Plan colocou ao SUG nunha posición destacada dentro do panorama universitario español, posto que Galicia foi a segunda comunidade autónoma que menos diminuíu a achega ás universidades pese aos axustes orzamentarios destes anos. E isto foi posible, tal e como recordou o secretario xeral de Universidades, grazas á “eficacia” do reparto de fondos, estruturados en tres grandes eixos: o financiamento estrutural, por resultados e por mellora da calidade.
Neste modelo conviven, por tanto, dúas fórmulas –a subvención fixa e a parte variable vinculada aos resultados– encamiñadas a converter o Sistema Universitario Galego nun espazo “moderno e dinámico, con capacidade para adaptarse aos cada vez máis frecuentes cambios do entorno”, sinalou Díez de Castro.
Novos criterios na subvención fixa
Tal e como explicou o secretario xeral, dentro do capítulo de financiamento estrutural queda recollida a subvención fixa, unha ferramenta de reparto que dende o ano 2012 se distribuíu en base a cinco novos criterios: Campus de Excelencia Internacional, captación de recursos externos, internacionalización, transferencia de coñecemento e calidade na docencia. Deste modo, estes novos fondos vinculados á subvención fixa foron aumentando, pasando de representar o 5% no 2012 ata acadar o 20% no actual exercicio.
No caso do financiamento por resultados, o Plan serviu para ligar os recursos públicos á consecución duns determinados obxectivos, tanto no eido docente como na investigación e no referente á transferencia tecnolóxica. Esta nova modalidade permitiu cuantificar e recoñecer o esforzo de cada unha das tres universidades durante este último lustro, orientando deste xeito parte dos recursos aos seus logros e xestión.
Obxectivos acadados e novos retos
Por último, ao capítulo referente ao financiamento por mellora da calidade destináronse uns 18 millóns de euros cada ano. En total, o Plan de financiamento contemplaba unha transferencia duns 2.100 millóns de euros ata 2015 por parte da Xunta de Galicia, un obxectivo que xa se acadou e mesmo se incrementou.
Segundo explicou Díez de Castro, “o plan cumpriuse estritamente en canto á súa execución anual e superouse xa a contía global prevista no anexo do acordo de 2010”. De feito, e a falta de completar os datos actuais e do anterior exercicio, o total de achegas ás tres universidades galegas supera os 2.200 millóns de euros.
Ademais, este esforzo económico por parte da Xunta tamén se ve reflectido nos ingresos non financeiros, posto que mentres en 2009 as universidades recibían o 4,121% deste tipo de contía, no 2014 beneficiáronse do 4,85%.
Esta liña de estabilidade financeira e blindaxe de fondos constitúe o marco de referencia a seguir na elaboración do próximo Plan de financiamento 2016-2020, cuxas negociacións coas universidades xa comezaron. Neste contexto, e continuando coa aposta pola vía do diálogo que tan bos froitos deu no pasado, o secretario xeral anunciou que nas vindeiras semanas o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez e mais o seu homólogo en Facenda, Valeriano Martínez, se reunirán cos reitores para seguir avanzando na futura folla de ruta universitaria.