O conselleiro de Cultura e Educación salienta o traballo en prol da mellora do ensino realizado no CEIP Vicente Risco e no IES República Oriental do Uruguai a través dos contratos- programa

Román Rodríguez visitou estes centros na cidade da oliveira, ademais do IES Rosais 2

O titular do departamento educativo agradeceu o esforzo do profesorado para poñer en marcha este tipo de proxectos que, ao mesmo tempo, fomentan a autonomía dos centros

Lun, 08/06/2015 - 18:45
Román Rodríguez visitou estes centros na cidade da oliveira, ademais do IES Rosais 2
Román Rodríguez visitou estes centros na cidade da oliveira, ademais do IES Rosais 2

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Vicente Risco e o IES República Oriental do Uruguai, ambos na cidade de Vigo, onde salientou o traballo en prol da mellora do ensino realizada polo seu profesorado a través dos contratos-programa. Na súa estancia na cidade da oliveira, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou ademais para comprobar o resultado das obras realizadas no Vicente Risco nestes últimos meses, así como para visitar o IES Rosais 2. Durante as visitas o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

Na súa primeira parada, o conselleiro destacou as dúas liñas de actuación dos contratos-programa postas en marcha no CEIP Vicente Risco. Isto é, o desenvolvemento do programa de reforzo, orientación e apoio (PROA) -que permite o acompañamento escolar fóra do horario lectivo en aras de mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades- e  a mellora das competencias clave, tanto a matemática como a comunicación lingüística. No primeiro caso, a actuación vai destinada a 20 alumnos e alumnas de educación Primaria, mentres que a segunda inclúe a 72 en senllas competencias.

En palabras de Román Rodríguez, este centro “é unha clara mostra da aposta decidida de toda a comunidade escolar pola innovación educativa co obxectivo de alcanzar o éxito no ensino e un sistema educativo cada vez de máis calidade”. Ademais, o titular do departamento educativo agradeceu o traballo do profesorado e do equipo directivo, posto que “sen o seu esforzo sería imposible detectar as debilidades para despois poder superalas”, subliñou.

Neste senso, reivindicou a fórmula dos contratos-programa como vía para potenciar “a autonomía dos centros” e tamén como sinal do “compromiso conxunto en torno á atención á diversidade e á igualdade de oportunidades, así como na loita contra o abandono temperán”, resaltou.

Catro liñas no IES República Oriental do Uruguai

O conselleiro tamén comprobou a experiencia desta iniciativa, que este curso xa chegou a 350 centros educativos de toda Galicia e a máis de 53.400 alumnos e alumnas, no IES República Oriental do Uruguai. Ao igual que o CEIP Vicente Risco, este centro da cidade da oliveira tamén está a desenvolver o PROA (destinado a 25 alumnos e alumnas), así como as tres modalidades incluídas na liña 2: mellora da competencia matemática (185 alumnos), en comunicación lingüística (8) e da científico-tecnolóxica (240).

A maiores, este instituto introduciu a liña 3 de mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar (creada para 260 estudantes), así como a 4, destinada a incrementar o nivel de coñecementos para acadar a excelencia educativa e con 60 alumnos e alumnas.   

Reformas no CEIP Vicente Risco

Ademais de poñer en valor a iniciativa dos contratos-programa, implantada dende o curso 2012/2013 en Galicia, Román Rodríguez tamén comprobou as obras levadas a cabo no CEIP Vicente Risco dende o ano pasado. De feito, en 2014 reformouse a instalación eléctrica e a cuberta, unhas obras nas que se investiron máis de 81.000 euros.

A este desembolso hai que engadir os máis de 33.300 euros destinados este ano á substitución da carpintería exterior do centro. En total, e sumando tanto as reformas como os programas educativos novidosos, a Consellería leva investido neste centro preto de 190.000 euros nos últimos anos. Pola súa banda, a inversión no IES República Oriental do Uruguai ascendeu a uns 155.000 euros no capítulo de obras.

A maiores destes dous centros de referencia na implantación dos contratos-programa, o conselleiro tamén aproveitou para visitar o IES Rosais 2, un centro no que na Xunta realizou un importante esforzo en canto a traballos, posto que dende 2009 presupostáronse reformas por un valor superior aos 126.000 euros.