A Consellería de Educación escoitou hoxe as opinións da Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega e ós distintos sindicatos sobre as bases do Decreto do Plurilingüismo

O conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística continuarán con estes encontros ata o vindeiro luns 25 de xaneiro

Mar, 19/01/2010 - 10:01
Encontros Consellería de Educación e Real Academia Galega
Encontros Consellería de Educación e Real Academia Galega

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuníronse hoxe con representantes de distintas asociacións relacionadas coa Educación, para escoitar as súas suxestións sobre as bases do Decreto do Plurilingüismo. Deste modo, iníciase unha rolda de contactos coa que se manterá o trámite de audiencia con representantes políticos, académicos, sindicais, e coas asociacións de pais. Dese xeito, a Xunta de Galicia cumpre coa promesa realizada desde o primeiro momento en que se deu a coñecer o texto, de contar coa opinión de todos os afectadas pola nova norma.

As reunións de hoxe, mantidas na Consellería de Educación, contaron coa presenza de membros da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, así como con representantes de ANPE; CCOO Ensino; FETE-UGT Galicia; STEG; CIG Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística.

A todos eles agradecéuselles a súa presenza en ditos encontros e a súa resposta á invitación realizada desde o Goberno co obxectivo de escoitar todas as opinións e aportacións realizadas en torno ao Borrador do Decreto do Plurilingüismo. Deste modo o conselleiro de Educación asegurou que ''hoxe empezamos os contactos a nivel oficial cos organismos e institucións que teñen algo que dicir sobre as bases do decreto. Nos encontros mostráronse distintos puntos de vista a partir dos que se realizaron reflexións e todas foron moi positivas''.

Opinións que, no caso da RAG, xa foron consideradas onte pola Xunta, que recordou que ambos compartían o interese por fomentar o galego no ensino. Ademais, o goberno autonómico valorou o feito de que, a través da súa análise sobre as bases, a RAG inclúa aportacións de cara a redacción final.

Con estes encontros cúmprese coa promesa realizada antes da presentación presentación pública das bases, de contar coa opinión de todos os implicados, tal e como recordou hoxe Vázquez Abad ao sinalar: ''queremos coñecer as opinións de todo o mundo e valoralas; somos os principais interesadas en chegar a un consenso en torno as linguas en Galicia''. Ao longo da semana continuarase co calendario programa para manter encontros co resto de formacións políticas, axentes sociais e asociacións involucradas en canto sexa de interese dentro do ámbito da educación non universitaria.