A FP galega conta con dous novos currículos adaptados á Lei de cualificacións profesionais
O Consello da Xunta aprobou hoxe os currículos do ciclo de grao medio en instalacións de telecomunicacións; e do de grao superior en administración de Sistemas Informáticos en Rede
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deu un novo paso no proceso de modernización da Formación Profesional, coa adaptación de dous ciclos formativos á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións. Así, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos novos currículos do ciclo de grao medio en instalacións de telecomunicacións, e ao de grao superior en administración de sistemas informáticos en rede; co que a Consellería leva xa adaptados 24 currículos na lexislatura. A Xunta de Galicia aprobou tamén un novo decreto para regular a FP e modernizala, incluíndo nestas ensinanzas as novas tecnoloxías e as linguas estranxeiras. Ademais, a Dirección Xeral de FP traballa sobre os currículos doutros 4 ciclos, que pasarán para a súa aprobación polo Consello da Xunta nas vindeiras semanas.
A importancia destes títulos
Ao abeiro dos decretos hoxe aprobados, estes estudos quedan harmonizados co Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais; dando ademais resposta ás necesidades dos sectores produtivos galegos. Deste xeito queda patente o compromiso da Consellería de Educación coa Formación Profesional como unha porta de acceso ao mercado laboral das mozas e mozos.
Con esta mesma finalidade, os novos currículos inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Ademais, inclúese formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que capacita o alumnado para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.
Máis oportunidades laborais
A adaptación de ciclos formativas por parte da actual administración, que ata o de agora xa acada 24 adaptacións, demostra o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor da Formación Profesional, un auténtico sistema de oportunidades nestes momentos de crise.
Nos nosos días, a FP é un xeito ideal de loitar contra o abandono escolar, permitindo que moitos estudantes poidan acceder despois ademais a titulacións universitarias. Por outra banda, supón unha oportunidade para que os traballadores poidan completar a súa formación, a través da flexibilidade que permiten os ciclos para adultos, organizados en módulos.
Finalmente, o grao de empregabilidade da FP, que alcanza en moitos casos o 80%, demostra que estes estudos son unha óptima opción nestes tempos de altos niveis de desemprego.
Mobilidade entre estudos
Doutra banda, os novos currículos facilitan a mobilidade entre estudos, establecendo a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención; así como os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias. Ademais, ábrese a posibilidade de acceder aos estudos universitarios desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior; e a de validar os estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios ECTS -Sistema Europeo de Transferencia de Créditos-.