Cultura e Educación concede 322.600 euros en axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros ecolares

Máis de 900 centros galegos recibirán esta axuda para o desenvolvemento de actividades de dinamización da lingua propia de Galicia

Mér, 03/06/2015 - 13:57

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria polas que se conceden un total de 322.600 euros en axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública -300.000 euros- e privada – a cantidade restante- de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios para o curso escolar 2014/2015.

Un total de 99 centros privados e 846 centros públicos serán os beneficiarios destas axudas para o financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega dos colexios e institutos do territorio galego.

O obxectivo destas axudas é valorar, potenciar e apoiar o labor desenvolvido polos equipos de dinamización para potenciar o uso da lingua galega nos centros educativos, dado o seu papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da nosa lingua propia. Ao abeiro destas subvencións, os equipos poderán acceder recursos didácticos, pedagóxicos e material diverso para o seu uso na aula.

Dinamización lingüística no ensino

Ademais destes apoios para que cada centro educativo, no exercicio da súa autonomía, desenvolva proxectos de promoción da lingua propia de Galicia axeitados ás súas peculiaridades, a Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral Política Lingüística ou deste departamento coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa- desenvolve diversos programas orientados a promover a aprendizaxe, o uso e a valoración social do galego.

É o caso do Concurso-Exposición Letras Galegas, da convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade da Consellería ou dos proxectos multimedia Dragal e Nós tamén creamos!. Os detalles das resolucións poden consultarse no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.

Menús News node R

Colectivo