O 95% dos centros e o 80% do alumnado participaron hoxe con normalidade na primeira parte da proba de 3º de primaria en Galicia

O conselleiro de Cultura e Educación asegura que as estimacións provisionais reflicten “a grande responsabilidade” das familias cunha avaliación na que os nenos e nenas son os principais beneficiados

Román Rodríguez lamentou, pola contra, o uso partidista dunha proba que busca mellorar o sistema educativo no seu conxunto

Insistiu en que a responsabilidade do Goberno galego é cumprir coa normativa básica e “traballar día a día” pola mellora da calidade da educación

Subliñou que a proba de 3º é un complemento no proceso de aprendizaxe e de ensino que ten como finalidade anticiparse na resolución de posibles problemas que se detecten e aplicar medidas correctoras para atallalos

Explicou que se trata dunha ferramenta metodolóxica que complementa a avaliación continua dos alumnos

Mér, 27/05/2015 - 19:16
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, no pleno do Parlamento
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, no pleno do Parlamento

O 95% dos centros e o 80% por cento do alumnado de 3º de Educación Primaria participaron hoxe con normalidade na primeira xornada da proba de 3º que se establece por primeira vez este ano. Así o deu a coñecer no Parlamento o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen subliñou que se trata de estimacións provisionais segundo os datos facilitados pola inspección educativa.

Segundo dixo o conselleiro, estas cifras reflicten que “a gran maioría” das familias actúan con absoluta responsabilidade ante unha proba da que os nenos e nenas son os principais beneficiarios na medida en que permite anticiparse na detección de eivas ou debilidades e aplicar medidas correctoras. Deste xeito, unha vez analizados os resultados, a maioría de alumnos e alumnas e de familias disporán de información e dunha orientación para saber qué medidas necesitan para reforzar e mellorar o seu proceso de aprendizaxe.

Uso partidista

Na súa intervención, Román Rodríguez lamentou o “uso partidista” que se está a facer desta avaliación individualizada que en ningún caso se pode denominar reválida, xa que non ten efectos no expediente académico do alumnado. De feito, sinalou, que a oposición ten por costume criticar calquera iniciativa educativa e “cando ven que as cousas funcionan, cambian o discurso e esixen máis”, como aconteceu coa creación de centros plurilingües, co proxecto Abalar ou cos contratos-programa.

Neste senso, o conselleiro fixo un chamamento aos grupos da oposición para que “deixen de confundir á cidadanía” e de “xerar alarmas” en torno a unha proba establecida por lei que ten como principal finalidade mellorar a calidade do sistema educativo no seu conxunto. “Deixen de utilizar o ensino e as familias como arma política” e “deixen de facer política cos fillos e fillas dos demais” insistiu. “Non confundan a defensa das lexítimas diferenzas cunha constante estratexia de boicot e confrontación”, dixo o conselleiro en referencia aos chamamentos ao boicot da proba e as acusacións de coacción ás familias por parte da Consellería. Tamén lamentou os ataques a unha proba moi semellante á avaliación de diagnóstico de 4º establecida pola LOE e que “curiosamente non atacaron”.

Ferramenta metodolóxica

En contraposición, Román Rodríguez insistiu en que o Goberno galego está actuando con responsabilidade ante o cumprimento dunha normativa básica, do mesmo xeito que o fixo na aplicación da anterior lei socialista; e traballando día a día pola mellora da calidade do sistema educativo galego.

O responsable de Educación do Goberno galego explicou unha vez máis que a avaliación individualizada de 3º de Primaria permitirá descubrir posibles lagoas ou debilidades na metodoloxía e no funcionamento do proceso de aprendizaxe e de ensino. De feito, lembrou que outros países da UE están usando a avaliación como algo normalizado e necesario para coñecer o funcionamento das institucións educativas e implementar melloras. “Fronte a confusións interesadas, esta avaliación debe entenderse como unha ferramenta metodolóxica máis, que complementa a avaliación continua e que axuda aos centros educativos e ás familias a ter información adicional sobre a evolución dos seus fillos e fillas”, concluíu o conselleiro.