Máis de 2.200 alumnos de primaria de 50 centros públicos beneficiaranse da campaña ‘Oes, eu leo’ para o fomento da lectura

Trátase dun proxecto de audiolibro que pretende incentivar a lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria e ofrecerlles novas posibilidades de traballo

Lun, 27/09/2010 - 16:34
Acto inaugural do proxecto 'Oes, eu leo'
Acto inaugural do proxecto 'Oes, eu leo'

O CEIP O Pombal de Vigo acolleu esta mañá o acto inaugural do proxecto ‘Oes, eu leo’ impulsado pola Consellería de Educación  e a Consellería de Cultura. En representación da primeira asistiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e da segunda, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López.

A campaña ten como principal obxectivo promover obras significativas entre máis de 2.200 nenas e nenos de 5º e 6º de primaria, a través de versións sonoras preparadas para animar a lectura sobre o soporte en papel. 50 centros do Plan de mellora de bibliotecas, (12 da provincia da Coruña, 12 de Lugo, 14 de Ourense e 12 de Pontevedra) acollerán a actividade na que o audiolibro será o material empregado para que os alumnos e alumnas desenvolvan o interese por ler ao mesmo tempo que escoitan as obras.

Neste senso, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, dixo que ‘Oes, eu leo’ “é unha excelente liña de achegamento da lectura a todos os públicos, traballando para que os adultos cambiemos a nosa visión e vaiamos a modelos de achegamento abertos á transformación, a unha realidade na que os máis novos están destinados a comprender e dicir moito máis quizais do que puidemos expresar as xeracións anteriores”.

Animación á lectura

A actividade pretende incentivar a lectura nos primeiros ciclos educativos a través da apertura de novas formas de animación. O proxecto, que se integra na programación do Ano do Libro e da Lectura en Galicia, responde á necesidade de adaptar os recursos escolares aos novos tempos e soportes.

Doutra banda, a posta en marcha destes materiais visuais e sonoros abrirán novas posibilidades de traballar cos rapaces tanto na clase como na biblioteca de xeito individual ou colectivo, e abrindo os camiño cara a lectura múltiple. Deste xeito, o director xeral de centros, José Manuel Pinal, destacou que: ‘Como non podemos ter un narrador ou unha narradora sempre ao noso carón, que ben que podamos ter estes audiolibros para que ao tempo que lemos, podamos escoitar a alguén que o le para nós, e así poder disfrutalos dobremente’.

Con esta iniciativa, a Consellería de Educación a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Educativos, pretende incentivar actividades para o fomento da lectura no contexto escolar debido a importancia desta actividade á hora de adquirir coñecementos e desenvolver pensamento e xuízo crítico. Deste xeito, Educación continúa co seu compromiso de acadar óptimas competencias lectoras en todos os escolares. Algo que xa vén facendo a través de iniciativas como o Plan LÍA, dotando de recursos ás bibliotecas escolares e adaptando os recursos informativos ás novas necesidades da sociedade da información.