A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 850.000 euros a equipamento para centros educativos

O Diario Oficial de Galicia vén de publicara a contratación de mobiliario e a licitación de recursos para os talleres dos centros que imparten FP

Ven, 22/05/2015 - 10:17

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a contratación de equipamento variado para centros educativos de infantil, primaria, secundaria, e a licitación de fresadoras universais, bancos de traballo e elevadores para os centros de Formación Profesional, por un importe superior a 850.000 euros. O obxectivo deste investimento, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, é dotar aos centros educativos do material necesario para a impartición das clases, tanto desde o punto de vista do mobiliario como de recursos técnicos.

No referido ao ensino obrigatorio, destínanse 375.835,27 euros á contratación da compra dun total de 6.690 unidades de material, repartidos entre mesas, pupitres, cadeiras, bancos e taboleiros de preescolar, perchas e encerados. Os termos da formalización do contrato poden consultarse no DOG, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150520/AnuncioG0164-120515-0001_gl.html .

No caso do equipamento de FP, licítase a contratación da subministración de fresadoras universais para os talleres dos centros que impartan ciclos das familias profesionais de Fabricación Mecánica e Instalación e Mantemento, cun orzamento de 247.999,95 euros. Os termos da licitación poden consultarse no DOG no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150518/AnuncioG0164-110515-0005_gl.html .

Finalmente, o DOG anuncia hoxe a licitación da contratación da subministración de elevadores para os ciclos de FP da familia de Transporte e mantemento de vehículos. En concreto está prevista a adquisición de bancos de traballo, elevadores de vehículos de diversos tipos, equipamentos de elevación como gatos hidráulicos e mesas elevadoras, elementos de soporte e suxeición de motores, aliñadores de direccións, e desmontadoras de rodas. Os termos da licitación, por importe de 234.150,62 euros, poden consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150522/AnuncioG0164-190515-0001_gl.html