Cultura e Educación convoca, un ano máis, as axudas para a consolidación de grupos de referencia competitiva e de potencial crecemento nas universidades do SUG

Unha vez que se adxudiquen as axudas, máis de 200 grupos de investigación do SUG contarán con financiamento estrutural estable

Coa achega desta convocatoria, e as dispoñibles de anos anteriores, disporán este ano de máis de 10 millóns de euros para o seu financiamento estrutural

Mar, 19/05/2015 - 10:18

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, un ano máis, as axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do SUG nas modalidades de Grupos de Referencia Competitiva e Grupos de Potencial Crecemento. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150519/AnuncioG0164-110515-0003_gl.html .

Ao abeiro deste programa poderán outorgarse como mínimo máis de 25 axudas, cun importe de 7,4 millóns de euros, a grupos de investigación do SUG que se sumarán ás dos 174 que a teñen vixente, para acadar un total de 200 grupos con financiamento estrutural estable que disporán de máis de 10 millóns de euros para o seu financiamento. A esta cifra habería que engadir os 80 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento así como un total de 47 redes de investigación que tamén están en activo.

Contías fixa e variables

As axudas para Grupos de Referencia Competitiva van dirixidas á  consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación. Serán de aplicación por un período de catro anos. Ao remate da segunda anualidade serán sometidas a unha avaliación que determinará a súa continuidade. Supoñen o pago anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación. Así, a axuda constará de dous módulos, un fixo, por importe de 50.000 euros anuais; e outro variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, e que será de entre 20.000 e 50.000 euros ao ano.

No caso dos Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), a convocatoria diríxese á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG. As axudas serán de aplicación por un período de tres anos, mediante o pago anual dunha contía fixa de 17.500 euros no primeiro e terceiro ano e de 35.000 euros no segundo.

Novidades nos requisitos

As principais novidades da convocatoria está enfocadas cara a dous ámbitos significativos. Dunha banda, moduláronse e rebaixáronse os requisitos mínimos de acceso á convocatoria tomando en consideración o impacto que a situación económica está a producir nos grupos de investigación, sobre todo na captación de recursos de fondos estatais.

Por outra parte introducíronse variacións na xestión para un mellor aproveitamento do investimento. Así, e por segundo ano consecutivo, as universidades poderán solicitar o pago anticipado de ata o 50% do importe que se lles conceda para cada anualidade. Tamén se teñen introducido disposicións normativas para que o persoal investigador que se contrate con cargo a estas axudas non vexa interrompido o seu contrato de traballo ao remate de cada anualidade. E, por último, a distribución da axuda modifícase para que o maior gasto se produza nos anos centrais, que son os máis produtivos.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza