A Consellería de Cultura e Educación destina 730.000 euros á convocatoria de axudas para que o alumnado de FP realice formación práctica en centros de traballo

O obxectivo deste módulo dos ciclos é que os estudantes se familiaricen con situacións reais do mercado laboral

Lun, 18/05/2015 - 17:08

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo, no marco do módulo formativo - presente en todos os ciclos- coñecido como FCT. As axudas para os estudantes que realicen este período de prácticas en Galicia poderán acadar os 186 euros, mentres que os que o desenvolvan no estranxeiro percibirán axudas base de entre 100 e 200 euros e outra contía adicional semanal, en función do tempo e país de estadía. Toda a información sobre a convocatoria pode consultarse no enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150518/AnuncioG0164-070515-0003_gl.html

Haberá dous prazos para solicitar as bolsas. O primeiro deles, que se abre mañá e durará 31 días, diríxese ao alumnado que realizase a FCT no período, outubro 2014-marzo 2015, ou no período xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2015. Tamén se acollerá a este prazo o alumnado matriculado no segundo curso do réxime integrado dun programa de cualificación profesional inicial no curso 2014/15. O segundo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2015, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2015 e o alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial que realice a FCT no período extraordinario de setembro de 2015.

Modalidades

O obxectivo da FCT é que o alumnado poida experimentar situacións de traballo reais que lle outorguen unha mellor cualificación, polo que este módulo é de obrigada realización en todos os ciclos de grao básico, medio e superior da FP galega. Estas axudas diríxense a compensar parcialmente os gastos extraordinarios que se producen no desenvolvemento das prácticas formativas, sempre que se desenvolva nun centro de traballo situado fóra do concello de residencia do estudante ou do concello onde se atope o centro educativo – modalidade A-, así como no estranxeiro – modalidade B-.

Na modalidade A os bolseiros poderán acceder a axudas de ata un máximo de 186 euros; mentres que no caso da modalidade B, as axudas divídense en función de grupos de países. Así, os que realicen a FCT en Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta ou Romanía poderán percibir unha contía base de 100 € e outra adicional de 60 € por semana; mentres que os que a desenvolvan en Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal ou República Checa poderán recibir de base 150 € e outros 100 € por cada semana. As contías elévanse a 200 € como base e 125 € semanais para os estudantes que realicen as súas prácticas en Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido ou Suecia.

Neste sentido cómpre sinalar a importancia da mobilidade transnacional do alumnado de FP, xa que contribúe á adquisición de coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.