Román Rodríguez recibe no Gaiás un grupo de alumnos que estudan galego no IE Vicente Cañada Blanch de Londres

Os 28 estudantes participantes no proxecto educativo ‘Fala Londres’, e o seu profesor, Xaime Varela, chegaron hoxe a Galicia no marco da súa ‘Viaxe da lingua 2015’ para achegarse ao idioma e á cultura propios

O Instituto Español na cidade londinense é un dos centros de ensino preuniversitario de fóra de Galicia onde se oferta a materia de lingua galega grazas a un convenio asinado entre o Ministerio a Consellería de Cultura e Educación

Mér, 13/05/2015 - 19:30
Román Rodríguez recibe no Gaiás un grupo de alumnos. Autor: Conchi Paz
Román Rodríguez deulle esta tarde a benvida a Galicia a un grupo de 28 estudantes de galego en Londres. Autor: Conchi Paz

Román Rodríguez deulle esta tarde a benvida a Galicia a un grupo de 28 estudantes de galego en Londres, que dan comezo hoxe a súa “Viaxe da lingua 2015”, que os achegará de primeira man á lingua e á cultura propias levándoos a percorrer emprazamentos de interese da nosa comunidade autónoma. A recepción institucional celebrouse na Cidade da Cultura e nela participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística e mais o profesor de galego Xaime Varela.

O conselleiro transmitiulles durante o encontro que “para nós, para os galegos e galegas, tamén é importante a vosa presenza aquí. En primeiro lugar, o crecente número de alumnos que nos vai chegando cada ano de Londres é unha mostra da importancia dos bos docentes, da innovación educativa e dunha escola aberta á sociedade para motivar o estudantado. Estas características atopámolas neste momento no ensino de galego no Cañada Blanch e por elas teño que felicitar o voso profesorado. En segundo lugar, porque vós sodes un modelo para as persoas non-galegofalantes que estudan aquí, na escola, a nosa lingua”.

O Proxecto Fala Londres

Fala Londres, o proxecto creado polo profesor de galego do centro, Xaime Varela, emprega as ferramentas da web 2.0 para promover a aprendizaxe do galego, a integración e a valoración do idioma propio de Galicia. Nas redes sociais e no blog do proxecto reflíctese a enorme actividade que se desenvolve no instituto londinense Vicente Cañada Blanch arredor da área de lingua galega ao tempo que se incentiva a participación de toda a comunidade educativa e mais da comunidade galega residente na capital do Reino Unido, entre a que se fai un labor de promoción do idioma propio de Galicia.

A iniciativa do profesor Varela acadou o curso pasado o premio a proxectos escolares na modalidade de proxectos de centro convocado pola Fundación Barrié, así como o recoñecemento ao de “Boa prácTICa 2.0.” que lle outorgou no ano 2012 o Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF) por contribuír á incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á práctica docente con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas.

Proxección exterior da lingua desde o ensino preuniversitario
O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda, os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires- é un dos centros educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios, no marco dun convenio de colaboración que vén renovándose desde o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo. Estes colexios responden ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.