A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 1,1 millóns de euros ao equipamento dos centros que imparten FP con material de alto valor tecnolóxico

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a licitación de 4 dos 5 lotes nos que se divide este investimento, cofinanciado nun 80% con fondos FEDER

Sáb, 09/05/2015 - 10:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 1,1 millóns de euros a dotar aos centros que imparten ciclos de Formación Profesional de material de alto valor tecnolóxico. Para iso, o departamento dirixido por Román Rodríguez publicou ao longo da pasada semana a licitación de 4 dos 5 lotes nos que se divide este investimento, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O obxectivo deste investimento é actualizar a cualificación do alumnado que cursa estas ensinanzas, fornecendo aos centros dunha dotación fundamental para que o alumno manexe as últimas tecnoloxías nos seus obradoiros de aprendizaxe, co que acadarán unha mellor cualificación para entrar no mercado de traballo.

Electricidade e electrónica

O primeiro dos lotes dirixiuse á licitación de material para impartir os ciclos formativos da familia profesional de Electricidade e electrónica. En concreto está previsto contratar a adquisición de autómatas, autómatas programables e kits de iniciación a estes últimos, equipamentos de instalacións de automatización para vivendas e edificios sen fíos ou con sistema de autómatas programables, centraliñas híbridas de telefonía, adestradores de electrónica básica, analóxica e dixital, adestradores de sistema KNX, adestradores de comunicacións electrónicas, analóxicas e dixitais, adestradores de comunicacións dixitais e de analóxicas.

Con este equipamento búscase mellorar a formación do alumnado dos ciclos de Sistemas de telecomunicacións e informáticos, Sistemas electrotécnicos e automatizados, ou Instalacións eléctricas e automáticas, así como para as ensinanzas de FP Básica desta familia. Asemade, poderase empregar noutras familias profesionais como a de Fabricación Mecánica ou Instalación e mantemento, naqueles ciclos que teñan módulos relacionados cos automatismos e coa programación na produción.   

O anuncio da licitación deste equipamento pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150505/AnuncioG0164-290415-0001_gl.html .

Robótica

O segundo dos lotes cuxa licitación se publicou xa no DOG corresponde á area de robótica, en concreto equipamentos para estación con robot industrial e equipamentso de soldadura con robot industrial. Esta dotación irá dirixida ao seu uso nas aulas de FP nos ciclos con módulos profesionais e resultados de aprendizaxe que pertencen ás familias profesionais de Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica e Instalación e mantemento.

Os termos da licitación poden consultarse no DOG, no enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150506/AnuncioG0164-300415-0002_gl.html.

Hidráulica e pneumática

Igualmente foi publicada a licitación para a adquisición de adestradores de electrohidráulica e adestradores de electropneumática con compresor e PLC para o seu uso por parte do alumnado de ciclos con módulo profesionais e resultados de aprendizaxe relacionados con automatismos e programación na produción, en concreto aos de Programación da produción en fabricación mecánica e Deseño en fabricación mecánica.

Os termos da licitación poden consultarse no DOG, no enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150506/AnuncioG0164-300415-0001_gl.html.

Fabricación mecánica

Tamén dirixida aos estudantes de titulacións da familia profesional de Fabricación mecánica, publicouse no Diario Oficial de Galicia a licitación da contratación de centros de mecanizado industrial vertical CNC e centros de mecanizado vertical mini, material que se emprega nos ciclos de deseño en fabricación mecánica e Mecanizado.

Os termos da licitación poden consultarse no DOG, no enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150508/AnuncioG0164-050515-0001_gl.html

Transporte e mantemento de vehículos

Nos vindeiros días publicarase o quinto lote de licitacións, co que se completa o investimento total. A través del instrumentarase a adquisición de material para os ciclos da familia profesional de Transporte e mantemento de vehículos.

En concreto está previsto mercar compoñentes eléctricos e pneumáticos, adestradores CAN BUS LIN para redes multiplexadas, osciloscopios, analizadores de gases para motores de gasolina e diésel,  e equipamentos de diagnose para o diagnóstico de sistemas de inxección, transmisións, carrozaría, suspensión e dirección, que serán para o uso  nos distintos talleres dos ciclos de Electromecánica de vehículos automóbiles e de Automoción.