Cultura e Educación abre o prazo para que os centros educativos incorporen seccións bilingües no curso 2015-2016

O Diario Oficial de Galicia fixo pública esta semana a convocatoria para implantar esta modalidade en máis colexios e institutos sostidos con fondos públicos

As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de maio

Dom, 03/05/2015 - 10:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca ampliar as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensinanza non universitaria de cara ao curso 2015-2016 a través dunha nova convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta mesma semana. Os colexios e institutos da Comunidade que desexen implantar estas seccións terán de prazo ata o 31 de maio para presentar a súa solicitude.

A resolución, que se pode consultar no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150429/AnuncioG0164-220415-0001_es.html, establece os requisitos de solicitude para poder incorporar esta modalidade educativa. Deste xeito, os centros deberán enviar a súa solicitude á xefatura territorial correspondente, preferiblemente por vía electrónica e acompañándoa do proxecto de participación no plan.

Neste último deberá quedar recollido o profesorado e alumnado participante, os obxectivos propostos e os contidos, as etapas e cursos no que se desenvolverá, así como áreas, materias, módulos, estratexias metodolóxicas e pautas  para a avaliación do proxecto.

Ademais, e tal e como recolle a resolución, o centro solicitante terá que presentar unha relación do profesorado da área, materia ou módulo non lingüístico, xunto coas credenciais de posuír destino definitivo no centro e a titulación acreditativa da súa competencia lingüística no nivel requirido (B2). Tamén será preciso concretar, entre outros requisitos, o número de alumnos e alumnas que participarán en cada unha das seccións bilingües solicitadas.

Unha vez recibidas as solicitudes, a valoración das mesmas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Desta forma, terase en conta todo o recollido no plan presentado polo propio centro: é dicir, profesorado e alumnado participante, obxectivos e contidos, etc.