Educación vén de adxudicar 94 axudas predoutorais cunha contía de ata 23.500 euros por investigador

A achega total que realiza o departamento educativo da Xunta ascende a máis de 6 millóns de euros

Os soldos dos investigadores e investigadoras contratados aumentan entre un 7 e un 8 por cento con respecto ao ano pasado segundo as modalidades

Por primeira vez nesta cuarta convocatoria, a Consellería asume o financiamento íntegro da retribución anual dos contratados, xa que ata o de agora as universidades achegaban un 20 por cento

Tamén se incrementa nun 100 por cento o complemento que se lles dá ás universidades para cubrir os gastos asociados á contratación, ao pasar de 500 a 1.000 euros por beneficiario e ano

Os contratos asinaranse o vindeiro 30 de abril de 2015 e terán unha duración máxima de tres anos

Mér, 22/04/2015 - 12:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a cuarta convocatoria de axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral 2014, pola que se financiarán integramente un total de 94 contratos cunha contía de ata 23.500 euros por investigador/a. A achega total ascende aos 6,3 millóns de euros.

A resolución, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG),  pode consultarse neste enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150422/AnuncioG0164-150415-0001_gl.html. En total, 15 axudas son para a Universidade da Coruña, 52 para a Universidade de Santiago de Compostela e 27 para a da Universidade de Vigo. Os contratos asinaranse o 30 abril e terán unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de tres.

O Programa de apoio á etapa predoutoral enmárcase dentro do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e presta especial atención aos sectores estratéxicos en que Galicia posúe contrastada potencialidade, xa que o 25 por cento das prazas adxudicadas destínanse a liñas estratéxicas integradas nos Campus Internacionais de Excelencia, o Campus Vida de Santiago e o Campus do Mar de Vigo. De feito, valorouse por primeira vez a adecuación dos proxectos á Estratexia de Especialización Intelixente dentro da estratexia para a captación de fondos europeos no período 2014-2020 adoptada pola Xunta de Galicia.

Contías e modalidades

A convocatoria resolta establece tres modalidades. Unha primeira xeral, con axudas enfocadas a todas as ramas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias da Saúde. Para estas modalidades adxudicáronse un total de 70 axudas por un importe máximo de 20.500 euros por alumno/a e ano (a contía do ano pasado foi de 19.000 euros). É dicir, que neste caso increméntase a retribución en case un 7 por cento con respecto aos contratos do ano pasado.

As outras dúas modalidades están enfocadas a aqueles proxectos que apostan pola excelencia nos procesos de investigación, como se vén demostrando cos recoñecementos do Campus Vida, liderado pola Universidade de Santiago; e do Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo, como Campus de Excelencia Internacional. Deste xeito, convócanse 12 axudas específicas de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus Vida e outras 12 para o Campus do Mar, dotadas cada unha delas cun importe de 23.500 euros por contrato e ano, é dicir, que os beneficiarios recibirán 1.500 euros máis que na última convocatoria de 2013 (cuxa contía foi de 22.000 euros). Por tanto, o persoal investigador destas modalidades percibirán case un 8 por cento máis de soldo neste ano en comparación con 2013.

Incrementos económicos e requisitos

No que atinxe ao eido estritamente económico, ademais do incremento das contías por persoa e ano, por primeira vez a Consellería asume o financiamento íntegro deste programa. Hai que lembrar que ata o de agora as universidades achegaban un 20 por cento da contía nas modalidades B e C, é dicir, nas dos Campus de Excelencia. Así mesmo, nesta convocatoria increméntase nun 100 por cento o complemento que se lles achega ás universidades para cubrir os gastos asociados á contratación, xa que pasa dos 500 euros por persoa e ano a 1.000 euros por persoa e ano.

A contratación deste persoal nas etapas iniciais é de gran relevancia para lograr que o sistema acade unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Cómpre salientar que esta fase constitúe a base para que, mediante a execución dun proxecto de investigación, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Menús News node R