Cultura e Educación abre a convocatoria para poñer en marcha plans de formación permanente de profesorado

O obxectivo desta iniciativa é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares dos alumnados

A preinscrición na convocatoria poderá facerse ata o 8 de maio, e a presentación de solicitudes estará aberta ata o 22 de xuño

Xov, 16/04/2015 - 13:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de convocar a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar nos seus centros públicos no vindeiro curso 2016-2017. Tal como recolle o Diario Oficial de Galicia de hoxe (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150416/AnuncioG0164-090415-0003_gl.html), os centros educativos que desexen presentar este tipo de plans disporán de prazo ata o 8 de maio para realizar una primeira preinscrición, e posteriormente teñen ata o 22 de xuño para formalizar a presentación de solicitudes.

Esta convocatoria busca impulsar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación permanente do profesorado encamiñados, sobre todo, a diminuír o abandono e mellorar o éxito escolar, así como a propiciar unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender  e xerar coñecementos. Trátase, por tanto, de actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares do alumnado.  

A Consellería prestará o seu apoio económico e humano a estes plans de formación a través dos Centros de Formación e Recursos e do Centro Autonómico de Formación e Innovación, CAFI.

Requerimentos

Cada centro poderá solicitar un único plan, aínda que tamén poderán presentar un mesmo plan conxunto no caso de centros con necesidades comúns e proximidade xeográfica. Ademais, todo o profesorado que preste servizos nun centro seleccionado nesta convocatoria poderá participar no seu plan de formación. Os plans presentados terán unha planificación mínima de dous cursos escolares e máxima de catro.

As propostas dos centros deberán ter como liña de actuación prioritaria a programación, avaliación e metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novo currículos. Ademais poderán tratar outras liñas como a planificación estratéxica das linguas no centro, a integración didáctica das TIC, a atención á diversidade, a convivencia escolar e clima na aula, a mellora das competencias docentes e actualización científica e didáctica do profesora, a mellora da xestión dos centros e dos procesos de calidade, os programas europeos e internacionais e a biblioteca escolar.

En relación con estas liñas de traballo, cada centro deberá propoñer un plan integrado por un ou dous itinerarios formativos que estarán compostos por, polo menos, dúas ou tres actividades, tales como seminarios, cursos ou grupos de traballo.

Os materiais que xurdan do desenvolvemento de cada un dos plans que finalmente se autoricen poderán poñerse en común para o beneficio de toda a comunidade educativa galega e difusión das boas prácticas dos centros, en prol dunha mellora da calidade do ensino.