Cultura e Educación adxudicou un total de 50 axudas para que o persoal doutor complete a súa formación na etapa posdoutoral no estranxeiro e se incorpore á universidade galega ao seu retorno

É a terceira convocatoria deste tipo dentro do Plan I2C, que permite dar continuidade ao labor científico que os investigadores están a desenvolver mellorando a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando a súa posterior volta a Galicia

A tal fin, a Consellería investirá máis de 5,4 millóns de euros en tres anos para a formación deste persoal investigador

Xov, 16/04/2015 - 10:38

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar un total de 50 axudas por un importe de máis de 5,4 millóns de euros do Programa de apoio á formación da etapa posdoutoral, para as universidades galegas, no marco do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2014.

O obxectivo desta terceira convocatoria de axudas, cuxa resolución pode consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150416/AnuncioG0164-080415-0004_gl.html, é fomentar que as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) contraten persoal doutor co obxecto de mellorar a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando, ademais, o seu reingreso nunha universidade do SUG cun ano máis de contrato.

Contía e financiamento

Ao abeiro deste Programa, a Consellería financia 50 axudas cunha retribución bruta anual variable en función dos países onde o persoal doutor desenvolva as súas estadías. Nos dous anos de estadía a dotación mínima do programa oscilará entre os 34.000 euros e os 40.000 euros, para cada unha das axudas en función dos países de destino. No ano de contrato retorno a retribución equipárase coa dos investigadores en activo do Programa Isidro Parga Pondal e supón un total de 35.200 euros por axuda outorgada. Nestas cantidades está incluído un seguro de accidentes, responsabilidade civil e cobertura médica de cada unha das persoas seleccionadas nos períodos de permanencia fóra do país.

Avaliación e control de calidade

As persoas candidatas para a obtención da axuda foron avaliadas por un amplo panel de máis de 50 expertos de fóra do sistema universitario de Galicia coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). As avaliacións destacaron o alto nivel das persoas candidatas e a importancia e excelencia de boa parte dos centros de estadía escollidos, moitos deles do máis alto prestixio internacional.

En total 4 axudas son para a Universidade da Coruña, 28 para a Universidade de Santiago de Compostela e 18 para a da Universidade de Vigo.

Os seleccionados, no contexto deste programa, deberán superar un proceso de avaliación intermedio e outro final de acordo con criterios de excelencia científica que, no caso de que o superen, os habilitará para acceder a unha segunda fase de axudas posdoutorais de dous anos de contrato nunha universidade galega para continuar coa súa formación e permitir a reversión na Comunidade Autónoma do investimento realizado no seu día e do capital de coñecemento adquirido.

A convocatoria desta axudas permite manter a aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, unha iniciativa que se está a ver reforzada no seo do Plan galego de investigación, innovación e coñecemento 2011- 2015 (I2C).

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza