O conselleiro de Educación visitou o IES Xermán Ancochea Quevedo e o CEIP Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives

Máis de 30 estudantes destes centros poderán beneficiarse do Proxecto ABALAR no presente curso escolar

Ven, 24/09/2010 - 13:38

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Xermán Ancochea Quevedo e o CEIP Manuel Bermúdez Couso, en A Pobra de Trives (Ourense), onde comprobou en persoa o desenvolvemento do comezo de curso en ambos centros.

A Consellería investiu máis de 36.000 euros nas obras dos centros ourensáns, grazas ás que a comunidade educativa deste centro comezou o novo curso nunhas instalacións da maior calidade. Posteriormente o conselleiro estivo no Centro de Interpretación Histórico Cultural de Santa Leonor.

A primeira hora do día Vázquez Abad percorreu as instalacións do IES Xermán Ancochea Quevedo, no que este ano a inversión foi de cinco mil euros no cambio da canaleta do polideportivo. No centro estudan preto de 200 alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos formativos e educación secundaria obrigatoria.

No presente curso os estudantes  deste centro terán clases en inglés na materia de ciencias sociais nas 3 seccións bilingües coas que conta. Ademais durante a súa visita o conselleiro acompañado polo director do IES Luis Alberto Varela, recordou que o instituto foi seleccionado para comezar a participar no proxecto ABALAR, do que se beneficiarán este curso 15 alumnas e alumnos de 1º da ESO.

Visita ao CEIP Manuel Bermúdez Couso

Posteriormente, o conselleiro de Educación estivo nas instalacións do CEIP Manuel Bermúdez Couso, xunto á directora do centro María Asunción Lamelas. Neste recinto escolar estudan 125 alumnas e alumnos, e este curso 16 estudantes de 5º de primaria participarán no proxecto ABALAR. A Consellería vén de investir neste recinto 31.000 euros destinados á reparación da cuberta e outras obras.

Ao remate da mañá Vázquez Abad, acompañado polo alcalde de A Pobra de Trives, Luis Álvarez González, visitou o Centro de Interpretación Histórico Cultural de Santa Leonor. Situado no antigo colexio Santa Leonor, a mostra permanente que este centro acolle permite realizar ao visitante un percorrido pola comarca de Trives a través dunha montaxe de luces, son, obxectos, voces e imaxes a través das que se entra a formar parte da Montaña e das Terras de Trives.

En todas as visitas o conselleiro de Educación estivo acompañado pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol, Díaz Mouteira.