A rede de viveiros de empresa en centros educativos deu orixe á formación de 63 iniciativas de creación de empresas de emprendedores mozos

Desde 2009 o número destas infraestruturas incrementouse dos 6 iniciais ata os 21 xa consolidados e proxectados, e está previsto que no ano 2016 o número de viveiros chegue a 30

A Consellería de Cultura e Educación ten previsto desenvolver un plan de formación para titores, coordinadores e viveiristas, entre outras persoas implicadas na Rede

Xov, 09/04/2015 - 20:29

A Rede de viveiros de empresa en centros educativos de Galicia deu orixe á formación de 63 iniciativas de creación de empresas de emprendedores mozos, segundo se desprende do informe analizado hoxe polo Consello da Xunta sobre situación, obxectivos e liñas de actuación desta rede, enmarcada no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, ‘eduemprende’. Destas empresas, 22 xa subsisten fóra do viveiro, 9 están consolidadas dentro deles e outras 32 están en proxecto nos propios viveiros. Cómpre lembrar que desde 2009 a Rede de viveiros de empresa en centros educativos case se triplicou, desde os 6 iniciais ata os 17 actuais.

Deste xeito, confírmase o éxito da estratexia desenvolvida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de fomento do espírito emprendedor, para favorecer a creación de empresas e, sobre todo, en prol da empregabilidade dos máis novos a través destes espazos, nos que se ofrece asesoramento a persoas tituladas en Galicia nos últimos 4 anos en ensinanzas de niveis non universitarios e que, polo tanto, son unha vía directa de acceso ao mercado laboral para a mocidade.

Ampliación da Rede

Desde 2009 o número destas infraestruturas incrementouse dos 6 iniciais ata os 21 – 17, xa consolidados e 4 proxectados, e está previsto que no ano 2016 o número de viveiros chegue a 30. Neste sentido, o informe reflicte a vontade do departamento dirixido por Román Rodríguez de continuar ampliando a Rede de viveiros. De feito, a Consellería asinou un convenio coa Zona Franca de Vigo para a ampliación da Rede de Viveiros, ampliando os dos CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e A Farixa – ambos na cidade de Ourense-, e creando outros 4 nos CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES Montecelo (Pontevedra), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) e IES García Barbón (Verín).

A partir desta acción o obxectivo é estender a rede á totalidade dos 19 centros integrados de formación profesional (CIFP) dependentes da Consellería de Cultura e Educación, sendo xa inminente a apertura do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña). Nesta liña, está previsto que os 4 restantes (CIFP Compostela de Santiago de Compostela, CIFP Coroso de Ribeira, CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, este último en colaboración con Zona Franca) conten con viveiro no curso 2015/16.

Así mesmo, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten como obxectivo ampliar a máis comarcas a Rede de viveiros, que neste momento están concentrada nas 7 grandes cidades ou en concellos nos que hai un CIFP. Neste sentido, traballarase para que no curso 2015/16 a Rede estea operativa nas comarcas de Bergantiños, Fisterra, Terra de Lemos, Sarria, Valdeorras, Verín, Deza, O Morrazo e O Salnés. Así mesmo impulsarase a presenza destes espazos nas cidades mais poboadas e na súa contorna, aproveitando a alta actividade económica e empresarial que se desenvolve nestas áreas.

A este respecto, ademais, a Consellería promoverá o fortalecemento das sinerxías internas entre os diferentes viveiros, así como o establecemento de acordos e colaboracións con outras institucións -como foi o devandito acordo con Zona Franca -, e a apertura de novas liñas de actuación no seo dos viveiros, relacionadas, por exemplo, co desenvolvemento agroalimentario. Co fin de avanzar nestes obxectivos o departamento educativo da Xunta ten previsto desenvolver un plan de formación para titores, coordinadores e viveiristas, entre outras persoas implicadas na rede.

Asesoramento

Os viveiros de empresa son espazos postos a disposición dos emprendedores, totalmente de balde, durante o prazo máximo de dous anos, coa infraestrutura necesaria para desenvolver o seu proxecto de empresa. Os posibles viveiristas son persoas tituladas en Galicia nos últimos 4 anos en ensinanzas de bacharelato, FP, artes plásticas e deseño, deportivas, educación secundaria para persoas adultas, ensinanzas superiores de deseño, conservación e restauración de bens culturais, ou de arte dramática, música ou danza.

No seu paso por estas instalacións os emprendedores reciben asesoramento a través do titor de viveiro ou do coordinador de emprendemento, así como cursos específicos. Ademais, favorécese o contacto con outros emprendedores, tanto da Rede como de fóra dela, e apóiase a difusión dos proxectos empresariais desde www.edu.xunta.es/fp, xornadas ou feiras.

Neste momento a Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos está conformada, por 17 viveiros, 6 na provincia da Coruña (CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, CIFP Someso, CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, CIFP Ferroltera e IES de Fene), 3 na de Lugo (CIFP Politécnico de Lugo, CIFP As Mercedes e CIFP Porta da Auga), 3 na de Ourense (CIFP Portovello, CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e CIFP A Farixa), e 5 na de Pontevedra (IES Luís Seoane, CIFP A Xunqueira, CIFP Manuel Antonio, IES Ricardo Mella e CIFP A Granxa).

eduemprende

Ademais da Rede de viveiros, o Plan de emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘eduemprende’, conta con diversas liñas de actuacións desenvolvidas en colaboración coa Consellería de Economía e Industria. Desta forma iniciativas como ‘Idea’ potencian a realización de proxectos empresariais entre o alumnado de ciclos de FP; mentres que outros como ‘Avanza’ céntranse na formación práctica e específica sobre como concretar e materializar un posible modelo de negocio, idea ou proxecto de empresa, para o que se realizan talleres sobre plan de empresa, claves para posicionarse no mercado ou posta en marcha de iniciativas do alumnado. Pola súa banda, ‘Simula’, vai dirixido a alumnado que cursa ciclos das familias profesionais de Hostalaría e Turismo, Administración e Xestión e Comercio e Márketing, e consiste na constitución dun negocio virtual no que a dirección e a xestión a leva a cabo o alumnado dos ciclos, que reproducen na aula a simulación das situacións reais do ámbito financeiro, administrativo, laboral, ou comercial dunha empresa.

Xa en idades máis temperás ‘Actúa’ vai dirixido ao alumnado de segundo curso dos ciclos formativos e de bacharelato co fin de que poñan en valor o seu talento emprendedor como ferramenta para o seu desenvolvemento profesional. É unha actuación que se está a levar a cabo en cada ano académico e que abrangue entre 6.000 e 7.000 alumnos anualmente, e entre 60 e 80 centros educativos. Pola súa banda ‘Atrévete’ dirixido a fomentar, motivar e sensibilizar o alumnado de educación primaria e secundaria no espírito emprendedor, realízase en colaboración con asociacións empresariais e a Rede de viveiros e chegou a preto de 3.150 alumnas e alumnos.

Ademais, en colaboración con outras entidades, están activos diversos proxectos como "A Mariña Emprende", "Coruña Emprende" e "Lugo Emprende", xunto coa Fundación Alcoa; así como visitas a empresas como Peugeot Citröen.