A Consellería de Cultura e Educación convoca as axudas para que o alumnado que se vexa afectado por causas imprevistas poida continuar os seus estudos universitarios

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a convocatoria destas bolsas, que teñen por obxectivo blindar o acceso en igualdade de condicións aos estudos superiores

O orzamento inicial para estas axudas é de 100.000 euros, aínda que se poderá incrementar co fin de atender todas as solicitudes que cumpran cos requisitos da orde

Xov, 02/04/2015 - 09:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de facer públicas as axudas dirixidas a estudantes universitarios que se vexan afectados por causas sobrevidas e imprevistas, co fin de que poidan continuar os seus estudos no Sistema Universitario de Galicia no presente curso académico 2014-2015.

O obxectivo destas bolsas é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de causas tales como orfandade absoluta, falecemento pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia doméstica, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar e outras circunstancias non recollidas que sendo xustificadas repercutan na situación socioeconómica familiar.

Cubrir a totalidade das solicitudes

Segundo publicou onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), a contía inicial habilitada para este fin é de 100.000 euros. Non obstante, este orzamento inicial previsto pode ser incrementado ao longo do ano a través dunha ampliación de crédito, xa que o obxectivo da Consellería é cubrir a totalidade das solicitudes que cumpran cos requisitos previstos na orde. A dotación económica asignada a cada beneficiario oscilará entre unha contía mínima de 1.250 euros e unha máxima de 2.500 euros, en función dos limiares de renda per cápita indicados na convocatoria, que pode consultarse no seguinte enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150401/AnuncioG0164-240315-0001_gl.html

Para acceder a estas axudas a situación sobrevida ou imprevista tivo que acontecer durante o actual curso académico 2014/2015; e os solicitantes - que non poden ter percibido esta bolsa con anterioridade- deben estar matriculados neste ano académico, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, ou arquitecto técnico, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia. Ademais, a renda per cápita da unidade familiar non poderá ser superior ao importe anual da pensión non contributiva para o ano 2015, é dicir 5.136,60 euros, tal e como se indica na convocatoria.

Prazos de presentación

Dado que a circunstancia sobrevida pode acontecer en calquera momento do curso, a convocatoria permanecerá aberta ata o 30 de setembro, data límite para a presentación de solicitudes. Non obstante, se aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da mesma no DOG. No caso de que ocorra con posterioridade, a presentación tamén será dun mes desde o seu acontecemento.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica (https://sede.xunta.es), aínda que tamén se poderán realizar en soporte papel en calquera dos rexistros establecidos. Así mesmo, calquera dúbida relacionada con esta convocatoria pode consultarse a través do enderezo orientacion.sug@edu.xunta.es .

 

Desde o curso 2011-2012, o orzamento total destinado a tal fin foi de preto de 300.000 euros e o número de beneficiarios ascendeu a 145 estudantes.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza