A Consellería de Educación adapta á lei de cualificacións profesionais dous novos currículos de FP

O Consello da Xunta aprobou hoxe os currículos dos ciclos superiores de Guía, información e asistencia turísticas; e de Axencia de viaxes e xestión de eventos

Xov, 23/09/2010 - 17:09

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á aprobación de dous novos decretos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a adaptación dos currículos dos ciclos superiores de Guía, información e asistencia turísticas; e de Axencia de viaxes e xestión de eventos á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións.

Deste xeito, estes estudos, que pasan a ter unha duración de 2000 horas, quedan ademais harmonizados co Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais. No marco de posta en valor da Formación Profesional que está a desenvolver o departamento de Educación da Xunta de Galicia, a consellería leva xa adaptados 22 novos currículos na lexislatura. Ademais, aprobou un novo decreto para regular a FP e modernizala, incluíndo nestes as novas tecnoloxías e as linguas estranxeiras.

Deste xeito dáse pulo a unha FP que responde ás necesidades dos sectores produtivos galegos, o que facilita a posterior empregabilidade dos futuros titulados nos diferentes campos profesionais. Neste mesmo camiño, a Dirección Xeral de FP traballa sobre os currículos doutros 6 ciclos, que pasarán para a súa aprobación polo Consello da Xunta nas vindeiras semanas.

Acceso a outros estudos

Ao abeiro das modificacións realizadas nos currículos, e para favorecer a mobilidade desde a FP cara a outros estudos, nos devanditos ciclos formativos queda establecida a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención; e quedan establecidos os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias. Neste sentido, ábrese a posibilidade de acceder aos estudos universitarios desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior; e a de validar os estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios ECTS -Sistema Europeo de Transferencia de Créditos-.

Así mesmo, os novos currículos inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Ademais, inclúese formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que capacita ao alumnado para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.