O secretario xeral de Política Lingüística presenta a nova edición do ‘FalaRedes’, que chegará ata decembro aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Os Bolechas serán os encargados de abrir a cuarta temporada do programa cunha nova proposta lúdica dirixida á xente miúda na que a familia animada máis coñecida de Galicia viaxará a través do tempo

A iniciativa sumará outras dúas novas actividades pensadas para a rapazada e para o público xeral antes do verán

Chegará aos concellos durante as fins de semana e os festivos, para reforzar e ampliar a oferta de lecer na nosa lingua propia

Ven, 27/03/2015 - 13:40
O secretario xeral de Política Lingüística presenta a nova edición do ‘FalaRedes
O secretario xeral de Política Lingüística presenta a nova edición do ‘FalaRedes’, que chegará ata decembro aos concellos da rede de dinamización lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

“Braulio, Carlos, Pili, Loli, Sonia, Tatá e Chispa son un referente positivo galegofalante para a xente miúda, pois Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas televisivos e nos espectáculos. Con esta nova actividade queremos potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas”, explicou o secretario xeral, quen adiantou que “se irán sumando ao programa outras propostas e que antes do verán se porán en marcha dúas máis destinadas a público preadolescente e público xeral”.

García Gómez estivo acompañado por María Antón, concelleira de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela; e por Tomás Valín, responsable de Edicións Bolanda, empresa xestora da primeira das actividades do FalaRedes 2015.

Novas propostas para dinamizar o galego

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes arranca, coma sempre, con propostas de lecer en galego pensadas para todas as idades coas que promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia. As novas actividades chegarán desde marzo e ata decembro aos concellos da RDL, coa colaboración das deputacións provinciais que participan nela en concellos da súa competencia territorial.

Dentro das novas propostas, os xa famosos Bolechas -deseñados por Pepe Carreiro- volverán darse cita desde a primavera cos seus amiguiños e amiguiñas máis fieis, a cativada de entre 4 a 8 anos, nunha nova viaxe chea de aventuras e de diversión: Os Bolechas e a máquina do tempo, un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista.

Logo de deixar atrás o Sabichón, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparán un aparello co que Braulio teletransportará a Carlos e a Pili ao futuro converténdoos en adultos. O doutor Apolodoro -o científico turuleque dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia.

As primeiras funcións chegarán esta fin de semana, cunha estrea no Liceo de Ourense, o venres 27 ás 19:00 horas; e senllos pases en Cambados (na Casa da Xunventude, ás 18:00 horas) e mais en Santiago de Compostela (na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 18:30 horas). Para asistir á actividade nesta última localidade cómpre retirar previamente as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal (en horario de 18:00 – 20:00 horas, ata o sábado).

Os seguintes pases acolleranos os concellos coruñeses de Cee, Ames, Aranga, Noia e Santa Comba, e mais a Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso), coa colaboración da Deputación da Coruña. O calendario completo da actividade publicarase en www.lingua.gal.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística chega á súa cuarta edición, logo do éxito obtido nas case 600 actividades desenvolvidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que se integran nel ano a ano buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Desde esta mesma fin de semana e ata final de ano chegará aos concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. Conta na actualidade nas preto de 170 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística  http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2015 e nas redes sociais.

Menús News node R