Cultura e Educación entrega os Premios Extraordinarios de ESO ao rendemento, ao esforzo e á superación personal

Estes galardóns, que buscan recoñecer a dedicación e os avances nesta etapa educativa, recaeron en 29 alumnas e alumnos

Mér, 25/03/2015 - 17:45
Cultura e Educación entrega os Premios Extraordinarios de ESO ao rendemento, ao
Cultura e Educación entrega os Premios Extraordinarios de ESO ao rendemento, ao esforzo e á superación personal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entregou hoxe os Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico, ao esforzo e á superación persoal, todos eles correspondentes ao curso 2013/2014. No acto participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do sistema educativo, Carmen Cimadevila; a concelleira de Educación do Concello de Santiago, María Teresa Cancelo e o director do IES Lucus Augusti de Lugo, Rafael Coro.  

O secretario xeral técnico do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou a todos os premiados porque, sinalou, a “idade” e as “circunstancias” particulares convértenos en “sobresaíntes”. “Ofrecédesnos a todos e todas unha lección de vida: que é posible. Posible se vos esforzades para que o sexa e non tirades a toalla”, resaltou Oitavén.

Neste senso, e sempre coa mirada posta nos estudantes galardoados, mostrou o “orgullo” da administración educativa, pero tamén do profesorado, que “vos orienta e guía”, e dos familiares e amigos. Tamén a eles fixo extensibles as felicitacións. Así mesmo, recordou o compromiso da Consellería coa atención á diversidade pois, en palabras do secretario, “dá resposta ás necesidades concretas de cada estudante, creando unha escola inclusiva”.

No caso dos galardoados polo seu rendemento académico, a Consellería procura recoñecer o esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, ao mesmo tempo que se destacan as posibilidades que ofrece o sistema educativo para chegar á excelencia a través da equidade, a igualdade de oportunidades e as posibilidades de desenvolvemento persoal.

E cos premios ao esforzo e á superación persoal, búscase poñer en valor os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación obrigatoria, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva e de procurar un ensino comprensivo e integrado.

Esforzo e superación

Precisamente, nesta última modalidade, os premiados son alumnos e alumnas que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa para superar as súas dificultades, xa sexan de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural. Neste resultaron premiados 4 alumnos da provincia de Pontevedra, 2 de Lugo e 3 da Coruña.

Rendemento académico

No tocante aos premios ao rendemento académico, os candidatos e candidatas debían contar cunha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos, ademais de superar unha proba específica para acadar o premio. Neste proba, estruturada en dúas partes, valoráronse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín.

Nesta modalidade participaron 392 alumnas e alumnos e resultaron premiados 8 estudantes da provincia da Coruña, 5 de Lugo, 2 de Ourense e 5 de Pontevedra. Así, na provincia coruñesa recibiron o seu galardón Fernando Díaz Díaz (CPR Eiris), Sara Orois Gómez, Luis Fernández Martínez e Miguel López Barbeito (CPR Manuel Peleteiro), María Irene Lois Bermejo (Santa María del Mar),Andrea Busto Castiñeira (IES Plurilingüe Rafael Dieste) e Sara Martínez García e Raquel Fernández Vieitez (IES Plurilingüe Rosalía de Castro).

No caso da lucense foron premiados Xabier Doural García (IES de Foz), Carmen Novo González (IES Vilar Ponte), Manuel de Prada Corral (CPR Galén), Fernando Cabana Porto, (CPR Plurilingüe San José) e Santiago Alonso Bartolomé (IES Río Cabe). No caso da provincia de Ourense, o premio correspondeulle a Enrique Cardero Riveiro (IES Eduardo Blanco Amor) e a Elena Pazos Linares (CPR Plurilingüe Santa María). Na provincia de Pontevedra recibiron o galardón Boris Carballa Corredoira (CPR Plurilingüe Don Bosco), Lucía Jiménez del Campo e Gabriela del CarmenSieira Bravo (CPR Los Sauces) e Iago Alcántara Álvarez e Cristina García Quiñones (IES Alexandre Bóveda).