A Xunta crea a Libraría Institucional de Galicia, un servizo público de acceso a todas as publicacións do goberno galego

Trátase dunha plataforma electrónica na que estará dispoñible o fondo editorial da Administración autonómica en todos os formatos

Dunha maneira áxil, sinxela e directa, calquera cidadán poderá consultar os contidos e servizos a través do enderezo https://libraria.xunta.es

Xov, 19/03/2015 - 18:32

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que se crea a Libraría Institucional da Xunta de Galicia, un novo servizo de acceso público ao fondo editorial (revistas, libros, folletos,…) da Administración autonómica, que será xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo se recolle no Decreto, a Libraría Institucional da Xunta funcionará a través dunha plataforma electrónica que ten por obxecto a distribución e comercialización do seu fondo editorial. A ferramenta é de carácter público, polo que o conxunto da cidadanía -independentemente de onde se atope- terá garantido o acceso aos seus contidos e servizos. É dicir, calquera cidadán que o desexe poderá acceder ás publicacións da Xunta e dos seus organismos dependentes a través do enderezo electrónico https://libraria.xunta.es, xa sexan en formato papel ou electrónico, tanto venais como non venais.

A través desta plataforma créase un catálogo público de publicacións do Goberno galego que ata o de agora non existía, accesible a toda a cidadanía e onde están facilmente localizadas todas as publicacións en todos os formatos de xeito directo e sinxelo. Inicialmente, neste catálogo aparecerán todas as publicacións posteriores ao ano 2010 e ata actualidade. Porén, está previsto ir incorporando á plataforma todas as publicacións anteriores a 2010 das que existan exemplares para a súa distribución.

Este novo instrumento, que é froito da colaboración entre distintos departamentos da Xunta, supón avanzar na estratexia do Goberno galego de achegar os servizos públicos á cidadanía, e de facilitar o seu uso.

Tamén dá resposta ao recollido na Lei 17/2006, do libro e da lectura de Galicia, en cuxo articulado se establece a creación dunha libraría institucional do Servizo de Publicacións da Xunta na que se ofrezan todas as publicacións oficiais de calquera departamento ou organismo autónomo.