O conselleiro de Cultura e Educación destaca a necesidade de contar cun sistema educativo adaptado á diversidade do alumnado

Román Rodríguez clausurou o acto de entrega dos premios “Down Compostela”, que alcanzan a súa cuarta edición

Mér, 18/03/2015 - 21:00
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de entrega dos premios “Down Compostela”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de entrega dos premios “Down Compostela”, uns galardóns que naceron para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down –que se celebra este sábado– e, ao mesmo tempo, recoñecer o traballo de particulares, entidades, institucións e empresas a favor de mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.

No seu discurso de clausura dunha gala protagonizada polos propios integrantes da asociación, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de contar cun sistema educativo adaptado á diversidade de aptitudes, intereses e características do alumnado, tendo en conta a singularidade da propia realidade de cada quen. Neste marco leva traballando a Consellería nos últimos anos e por este camiño continuará, desenvolvendo así programas de reforzo, apoio ou orientación.

Nesta cuarta edición, os galardóns recaeron na empresa Limpiezas Salgado, no IES As Fontiñas e no catedrático de Estomatoloxía da USC e director da Unidade de Pacientes Especiais da facultade de Medicina e Odontoloxía, Pedro Diz. No primeiro caso, o Patronato da Fundación tivo en conta o compromiso da compañía coa igualdade de oportunidades, dado que contratou de forma indefinida a dúas mulleres con síndrome de Down.

Por parte do instituto, valorouse a súa labor a prol da integración escolar destas persoas, mentres que o catedrático Pedro Diz acumula un amplo traballo investigador, pero tamén docente e de atención clínica, orientado a mellorar a saúde e hixiene bucodental das persoas con discapacidade intelectual.