Román Rodríguez salienta o investimento de 665.000 euros na ampliación do CIFP Coroso como claro exemplo do impulso á FP
O conselleiro de Cultura e Educación enmarcou este investimento na estratexia de posta en valor destas ensinanzas que desenvolve a Xunta desde 2009
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CIFP Coroso, onde o seu departamento ten previsto un investimento de preto de 665.000 euros en obras de ampliación. Unha actuación que sinalou como un claro exemplo do impulso que a Xunta de Galicia está a dar ás ensinanzas de Formación Profesional a través dunha estratexia que desde 2009 pon de relevancia a alta cualificación que recibe o alumnado dos ciclos formativos así como a oportunidade que a FP supón para acceder ao mercado laboral.
As melloras enmárcanse no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Súmanse, ademais, ás reformas realizadas nos últimos anos e ás achegas á biblioteca escolar do centro, ata conformar un investimento total – incluída a ampliación- desde 2009 de preto de 850.000 euros.
O obxectivo da actuación é construír unha nova nave para albergar 2 talleres e aseos. Ademais, a estrutura estará preparada para albergar despachos en planta primeira, se fora necesario instalalos no futuro.
O conselleiro quixo ademais salientar que os novos espazos serán utilizados tamén polo alumnado de FP Básica, a nova modalidade implantada ao abeiro da LOMCE que ofrece á mocidade unha opción atractiva para permanecer dentro do sistema educativo. Deste xeito o investimento da Consellería na ampliación convértese nun apoio a esta modalidade de ensinanza e, polo tanto, nunha nova acción contra o abandono educativo temperá.
Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas; e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana; entre outras autoridades. Tamén visitou o centro a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo.