A Consellería de Cultura e Educación estimula a incorporación de novas metodoloxías a través das bibliotecas escolares co II concurso de traballos por proxectos

O obxectivo do certame é recoñecer o traballo que se desenvolve desde estes espazos para dinamizar o conxunto da actividade lectiva dos centros de ensino

Xov, 12/03/2015 - 13:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar o segundo concurso de traballos por proxectos baixo coordinación da biblioteca escolar, un certame que ten como obxectivo recoñecer o labor que se desenvolve desde estes espazos para impulsar o uso de metodoloxías activas, a realización de traballos de investigación e a adquisición das competencias informacionais por parte do alumnado. Ao abeiro desta convocatoria, á que se destinan 24.000 euros, concederanse un total de 16 premios ás mellores iniciativas de carácter interdisciplinar ou de investigación, valorando a integración e aproveitamento dos recursos da biblioteca no proxecto, a contribución do mesmo ao desenvolvemento do currículo e adquisición das competencias básicas, ou a súa achega á competencia informacional e mediática do alumnado, entre outros criterios.

Os centros públicos de ensino non universitario que desexen presentar a este concurso as accións que desenvolvan ao longo do curso 2014/2015, todos eles contando co apoio e colaboración da biblioteca escolar e aproveitando os seus recursos e posibilidades, poderán facelo ata o 30 de xuño presentado a documentación en formato electrónico diante do departamento de bibliotecas escolares da Consellería.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades de participación. A primeira delas será para proxectos de carácter interdisciplinar, ou Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro ou dun 40% dos departamentos. Nesta modalidade haberá tres premios de 2.000 euros cada un para os traballos de temática xeral, e outros tres premios da mesma contía para os centrados no ámbito científico.

A segunda modalidade será para os proxectos de investigación dirixidos por profesorado, nas sub-modalidades de proxectos de grupo/nivel, de ciclo/departamento e de proxectos realizados na materia de “Proxecto Interdisciplinar” de 1º curso de ESO. No caso dos traballos de grupo/nivel haberá dous premios de 1.000 euros para os de temática xeral e outros dous da mesma contía para os de ámbito científico; mentres que para os de ciclo/departamento serán dous premios de 1.500 euros para proxectos de temática xeral e outros dous de 1.500 euros para os científicos. A terceira sub-modalidade terá un galardón con asignación de 1.000 euros para as iniciativas de temáticas xerais e outro da mesma contía para as de ámbito científico. Os centros galardoados destinarán a asignación recibida á atención das necesidades da biblioteca escolar, especialmente no ámbito da información.

Para cumprir cos obxectivos da convocatoria a Consellería terá dereito á reprodución, publicación, distribución e comunicación dos proxectos premiados para a súa consulta e descarga en liña do seu contido. Así mesmo, poderán ser difundidos a través das actividades e dos medios da Rede de formación permanente do profesorado, co fin de impulsar o desenvolvemento deste tipo de iniciativas e boas prácticas entre os centros de ensino. De feito a Consellería difundiu no web de Bibliotecas Escolares os proxectos gañadores do curso 2013/2014, que poden consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=taxonomy/term/74

Competencias clave

Creado o pasado curso, o certame vén a poñer en valor o labor que ‘motu proprio’ se realizaba xa nas bibliotecas escolares co fin de enriquecer o currículo das diferentes materias cos recursos diversos de lectura e de información (en todos os soportes e formatos) cos que contan estes espazos, e para contribuír a que o alumnado acade obxectivos de aprendizaxe e competencias clave na sociedade da información.

O concurso enmárcase, ademais, no Plan LÍA 2010-2015 (Lectura, Información, Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas.