A Xunta destinará un novo financiamento de preto de 18,4 millóns a mellorar as infraestruturas educativas e á dixitalización do ensino público obrigatorio desde 5º de primaria

O conselleiro de Cultura e Educación compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas estratéxicas do seu departamento no que queda de lexislatura

Mar, 10/03/2015 - 14:15
O conselleiro de Cultura e Educación compareceu hoxe no Parlamento de Galicia pa
O conselleiro de Cultura e Educación compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas estratéxicas do seu departamento no que queda de lexislatura

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas estratéxicas do departamento que dirixe no que queda de lexislatura, unha folla de ruta na que se reforza tanto o esforzo inversor como os aspectos cualitativos para dar un novo impulso ao modelo educativo. Neste sentido comprometeu un investimento de máis de 18,4 millóns de euros para a ampliación e dotación de equipamento aos centros de ensino das 4 provincias galegas.

A dinamización da lingua galega en todos os eidos da sociedade á par do impulso á aprendizaxe de idiomas; a continuidade da posta en valor das bibliotecas e ás actuacións en prol da mellora da convivencia e o avance na adaptación  á LOMCE foron as principais actuacións anunciadas polo conselleiro no eido do ensino.

Respecto da política cultural, Román Rodríguez comprometeuse a apoiar o fortalecemento da cultura tanto como servizo público básico como a nivel de industria xeradora de empregos, de tecido empresarial e de proxectos emprendedores. Para iso a Consellería apostará pola internacionalización do sector, ao tempo que se potencia a imaxe do Gaiás como “unha auténtica fábrica cultural”. Asemade porase un novo fito no eido da protección do patrimonio cultural coa presentación dunha nova norma que fusione a de 1995, a Lei dos Camiños de Santiago de 1996 e a lexislación sobre  traballos de dotación artística  de 1991.

Infraestruturas, dixitalización e equipamentos

Ao abeiro do esforzo inversor en mellora de infraestruturas educativas a Consellería xestionará preto de 18,4 millóns de euros dos que máis de 6,1 se destinará a obras de ampliación e mellora dos centros e dos seus equipamentos, e outro millón de euros irá dirixido á adquisición de equipamentos de alto valor tecnolóxico para o seu uso nas ensinanzas de Formación Profesional.

Os restantes 11,2 millóns de euros serán xestionados pola Consellería e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para incorporar ás aulas públicas de 5º e 6º de Primaria e da ESO equipamento informático renovado – encerados dixitais, proxector, etc-, así como acceso á internet. A nova actuación, de dixitalización do 100% das aulas públicas nestas etapas, ten que como obxectivo facer desaparecer a fenda dixital nos centros educativos. Ademais, dáse continuidade á estratexia de implantación das TIC no sistema educativo iniciada en 2010 co Proxecto Abalar e continuada en 2014 co programa de libro dixital E-Dixgal.

A maiores deste investimento a Consellería afondará na mellora do sistema educativo desde o aspecto cualitativo con medidas como o impulso das bibliotecas escolares como espazos fundamentais para o éxito escolar a través da actualización da estratexia do Plan de lectura, información e aprendizaxe de bibliotecas escolares, Plan Lía 2015-2020. Así mesmo darase continuidade ás políticas en materia de atención á diversidade e mellora da convivencia nas aulas  con medidas como a creación do que será o primeiro Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia. No referido á adaptación á LOMCE avanzarase na implantación da FP Básica, e nos próximos días someteranse a exposición pública os textos iniciais dos decretos dos novos currículos de ESO e de Bacharelato.

Ampliación de usos do galego

No referido ás nosa lingua propia Román Rodríguez sinalou como obxectivo do seu departamento o de ampliar os usos do galego na sociedade e fomentar o seu emprego como canle de integración e respecto, abandonando a confrontación política. Neste sentido o conselleiro comprometeuse a seguir traballando e tomando a iniciativa na posta en marcha de medidas para potenciar o uso da nosa lingua propia con accións de dinamización lingüística nos concellos, en prol da lingua materna ou da presenza do galego nas exportacións, entre outras.

Ademais lembrou que a Consellería está a definir un Plan de dinamización lingüística no tecido económico 2015-2020, que incluirá accións dirixidas aos autónomos, ás cooperativas, á banca ou ás grandes empresas, e que aproveitará os vínculos coa lusofonía. A iniciativa, que se estruturará arredor de campañas, encontros e medidas que impulsen o prestixio da nosa lingua entre o empresariado, ten como obxectivo conseguir que o tecido económico pense no galego como marca de calidade, responsabilidade social e denominación de orixe. Así mesmo anunciou que o seu departamento ten previsto realizar a medio prazo un plan para o fomento da lingua entre a mocidade.

Novo Plan de Financiamento

Outro das actuacións fundamentais da Consellería nos vindeiros meses será a elaboración e negociación do novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o próximo quinquenio que blinde a estabilidade financeira do sistema. A estrutura do novo Plan permitirá consolidar o modelo de financiamento por resultados obtidos en docencia, investigación e transferencia en base a indicadores obxectivos, medibles e homoxéneos.

Ademais apoiarase ás universidades para que fagan singular a súa actividade investigadora de tal forma que, unha vez consolidado nestes últimos anos o entorno académico de investigación, se reforcen os centros singulares de investigación e os Campus de Excelencia internacional.

Internacionalización dos produtos culturais

O conselleiro reafirmou na súa comparecencia o seu compromiso co aproveitamento da riqueza e do potencial cultural de Galicia como un elemento diferencial e relevante. Neste sentido anunciou a continuidade das liñas de axuda para as industriais culturais galegas a través da Agadic – cun montante próximo aos 3 millóns de euros-, o reforzo da acción dinamizadora da actividade cultural, e o estímulo da demanda – en colaboración co sector- e da participación social na cultura a través do traballo conxunto con outras entidades e da rede de bibliotecas e museos dependentes da Consellería.

Así mesmo seguirase apoiando a presenza forte e diferenciada dos servizos e produtos culturais galegos no estranxeiro, en citas como as feiras do libro ou en outras de alcance internacional como o WOMEX.

O Gaiás como ‘fábrica cultural’ e de emprendemento

O complexo do Gaiás será nos próximos meses outro dos focos de atención das accións da Consellería. Ao mesmo tempo que a Cidade da Cultura se reforza como espazo natural de actividade cultural, a Xunta traballa para darlle pulo como centro de referencia do emprendemento na nosa terra, atraendo aos grande eventos do sector. Non en balde o Centro de Emprendemento, aberto como coworking, conta xa cun viveiro de empresas e cun espazo de crowdworking; o que significa que un cento de persoas se está a beneficiar de asesoramento, formación, titorización e networking para axudarlles a pór en marcha a súa idea innovadora.

Tamén no fomento da cultura do emprendemento está previsto reforzar os viveiros de empresa nos centros educativos e estudar a posibilidade de establecer novas sinerxías coas universidades galegas neste eido.

Sumar esforzos

Na súa comparecencia, o conselleiro subliñou o valor do modelo recibido posto en marcha no último lustro e a súa intención de partir das políticas culturais educativas e lingüísticas que están a funcionar e que están a posibilitar avances cualitativos para a cidadanía.

Con ese punto de inicio, Román Rodríguez púxose a disposición dos axentes implicados para sumar esforzos e acordos que permitan que Galicia conte con cunha cultura máis forte, unha lingua propia máis usada e valorada por todas e todos , unha educación máis moderna e de calidade, e un sistema universitario estable e preparado para afrontar retos de futuro.