A Fundación Rosalía de Castro acolle a entrega dos premios “Nós tamén creamos!”, que convoca a Consellería de Cultura e Educación coa colaboración da TVG e de OQOeditora

No acto participou o secretario xeral de Política Lingüística

A EEI de Sarria, o CEIP Canosa-Rus de Coristanco, o CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño e o CEIP de Merza de Vila de Cruces recolleron cadanseu seu premio na Casa da Matanza

A EEI O Grupo de Marín, o CEIP Juan Fernández Latorre da Coruña e o CEIP Xoán de Requeixo de Chantada recibiron senllas mencións especiais outorgadas polo xurado á vista da alta calidade dos traballos presentados á III edición do concurso

Xa está en marcha a IV edición deste certame audiovisual de dinamización lingüística, no marco do programa homónimo que a Consellería ofrece dentro do ‘Plan Proxecta’

Ven, 06/03/2015 - 13:20
 A Fundación Rosalía de Castro acolle a entrega dos premios “Nós tamén creamos!”
A Fundación Rosalía de Castro acolle a entrega dos premios “Nós tamén creamos!”, que convoca a Consellería de Cultura e Educación coa colaboración da TVG e de OQOeditora

A Casa-Museo de Rosalía de Castro de Padrón acolleu esta mañá a entrega dos III Premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!” convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora.

O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, quen explicou que “Nós tamén creamos!” é unha aposta da Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa- pola colaboración con entidades públicas e privadas para a promoción da lingua galega, do seu uso, da innovación na súa aprendizaxe e da súa valoración social. García Gómez dirixiuse aos nenos e nenas premiados para sinalar que o acto de entrega na casa de Rosalía ten o obxectivo de resaltar que “sodes herdeiros da autora dos Cantares gallegos: da súa capacidade creativa, da súa lingua, da palabra escrita... pero aderezastes a herdanza recibida con ingredientes audiovisuais e tecnolóxicos propios do voso tempo”.

O secretario xeral estivo acompañado pola directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Marcos López, e a coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega, Xulia Marqués.

Tras a entrega de premios, os representantes dos colexios galardoados asistiron a un concerto do animador e cantante infantil Paco Nogueiras, que interpretou pezas do seu traballo Brinca Vai! A continuación, visitaron a Casa-Museo de Rosalía de Castro.

Catro centros de infantil e primaria premiados

Na modalidade de educación infantil, o premio recaeu na curta de animación “As pousadeiras do rei”, da EEI de Sarria (Lugo). Na de primeiro ciclo de primaria, o centro galardoado foi o CEIP Canosa-Rus (de Coristanco, A Coruña) co traballo “Non quero ser un polbo” e, na de segundo ciclo, o xurado decidiu entregar dous premios ex-aequo: ao CEIP Manuel Fraga Iribarne (de Cariño, A Coruña) polo filme “O último canto” e ao CEIP de Merza (Vila de Cruces, Pontevedra) por  “Os sete irmáns chineses”.

A alta calidade dos traballos presentados á III edición de “Nós tamén creamos!” levou tamén o xurado a outorgarlles mencións especiais ás curtas elaboradas pola EEI O Grupo (de Marín, Pontevedra), do CEIP Juan Fernández Latorre (da Coruña) e do CEIP Xoán de Requeixo (de Chantada). Todas estas curtas de animación poden verse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.lingual.gal, e mais na sección infantil do web da CRTVG, http://www.crtvg.es/infantil.

Os colexios galardoados recibiron un lote de libros de OQOeditora, unha pantalla de plasma e un DVD cedidos pola CRTVG e un libro e mais diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, o profesorado implicado na elaboración das curtas recibiu unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

Durante o acto, Valentín García convidou tamén os centros gañadores na categoría de 2º ciclo de primaria (CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño e CEIP de Merza de Vila de Cruces) a presentaren as súas curtas na sección “Cans do Futuro” do Festival de Cine de Cans, destinada a dar a coñecer este evento aos escolares, no marco da colaboración que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten con este festival por segundo ano.

Os nenos e nenas de máis idade entre os gañadores do premio “Nós tamén creamos!” poderán, así mesmo, percorrer os lugares da aldea de Cans onde se desenvolve e coñecer o funcionamento deste singular festival de cine que aposta polo “agroglamour” e tamén pola educación e pola formación de novos talentos na industria audiovisual.

Programa de dinamización lingüística

O concurso “Nós tamén creamos!” enmárcase nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con ela colaboraron a CRTVG e OQOeditora para formar e asesorar a profesorado de 60 centros educativos co fin de que estes realizasen con alumnado de 3 a 9 anos curtas de animación en galego baseadas en contos fornecidos pola citada editorial. Xa está en marcha a IV edición do programa de dinamización e mais do concurso de curtas  “Nós tamén creamos!”, dos que se pode atopar información en www.lingua.gal.