Cultura e Educación incrementa nun 45% a achega á USC para proxectos de impulso ao uso do galego no eido profesional e na rede

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á addenda do convenio polo que o Centro Ramón Piñeiro realiza tarefas de investigación e promoción da nosa lingua propia

O obxectivo é fortalecer a presenza e prestixio do galego nas novas tecnoloxías e na linguaxe especializada e académica

 fomento ao uso do galego nos eidos económico e social

Xov, 05/03/2015 - 19:19

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela para a realización de tarefas de investigación e promoción da lingua propia de Galicia no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), que incrementa, ademais, a súa contía nun 45%, ata superar os 192.000 euros.

Nesta ocasión a addenda nas actuacións programadas ao abeiro da addenda afectan o proxecto Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) e a o proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), centrándose no estudo e promoción do uso profesional do galego a través do fortalecemento da súa presenza nas linguaxes especializadas e, polo tanto, no eido académico, así como nas novas tecnoloxías e na rede. Esta nova actuación enmárcase na estratexia que a Consellería está a desenvolver para o fomento do uso do galego no eido económico e para a súa dinamización no conxunto da sociedade.

Terminoloxía especializada en galego

No caso do Termigal, o encargado de elaborar produtos terminolóxicos que promovan a utilización do galego para a transmisión do coñecemento especializado e para resolver as dúbidas dos usuarios de linguas de especialidade no desenvolvemento do seu labor, a actuación máis sinalada é a creación e mantemento da terminoloxía informática, case inexistente ata o momento.

Dentro deste proxecto avanzarase, ademais, na preparación dun banco de datos terminolóxicos, denominado TERGAL, que reúna as denominacións galegas recomendadas para un amplo volume de conceptos de especialidade, así como a información conceptual necesaria para identificar cada termo e a súa equivalencia en castelán, portugués e inglés.

O obxectivo é realizar unha compilación destes termos galegos recomendados na rede para o público en xeral, co fin de que as denominacións galegas acaden a maior difusión posible e, polo tanto, contribúan ao desenvolvemento das linguaxes de especialidade en galego e a unificar as formas validadas transmitidas desde as distintas entidades que traballan en prol da normalización da lingua.

O galego na vangarda

No referido ao CORGA, recursos computacionais abertos e dispoñibles en liña para a súa utilización na comunidade científica, afondarase no sistema de regras da ferramenta etiquetadora-lematizadora que leva asociada (XIADA). Ademais abrirase unha nova liña de traballo para a incorporación de documentos procedentes da internet como blogs, co fin de documentar a presenza do galego na rede; e de rexistros orais (por exemplo guións de series da TVG), de tal forma que o usuario do corpus poida buscar textos e escoitalos.

Estas novas actuacións suporán converter o CORGA nun recurso aínda máis valioso e único, ademais de fortalecer a presenza do galego na vangarda das novas tecnoloxías. Ao abeiro do convenio coa USC estanse a desenvolver proxectos como o proxecto sintetizador de voz, o Termigal, a base de datos do Atlas Lingüístico Románico, o Código de Dereito Galego en Liña, o proxecto etiquetador-lematizador para o galego actual, e mais o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, traballos todos eles realizados no Centro Ramón Piñeiro.