Cultura e Educación implica a máis de 1.700 docentes e 19.180 estudantes da provincia da Coruña en contratos-programa para a mellora do éxito escolar

Os obxectivos fundamentais desta liña de traballo son a loita contra o abandono temperá, o reforzo da aprendizaxe competencial e a busca da excelencia educativa

Mér, 04/03/2015 - 13:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou contratos-programa con centros da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinou esta mañá os contratos-programa que desenvolverán no que queda de curso 109 centros de ensino da Coruña, unha actuación posible grazas á implicación de 1.732 docentes da provincia e da que se beneficiarán 19.180 alumnas e alumnos. A este respecto o conselleiro salientou esta liña de traballo como un claro compromiso da Xunta coa autonomía dos centros, coa atención á diversidade e co fomento da equidade e a igualdade de oportunidades no sistema educativo. Non en balde, os obxectivos fundamentais dos contratos-programa son a loita contra o abandono educativo temperán, a promoción da excelencia e a busca da excelencia educativa.

De feito o conselleiro sinalou que, grazas a liñas de traballo coma esta, reduciuse de xeito significativo a taxa de abandono escolar temperá na nosa comunidade, que está sendo a máis baixa desde que se rexistran datos.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo, así mesmo, agradecer a gran acollida que esta iniciativa tivo na comunidade educativa desde o seu primeiro curso de implantación – o 2012/2013, sendo Galicia unha das primeiras Comunidades en poñela en marcha- e o esforzo tanto dos equipos directivos como do profesorado para elaborar estas estratexias de mellora, en base á análise das necesidades do seu propio alumnado.

Na sinatura acompañaron ao conselleiro a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e máis o subdirector xeral de Ordenación, Innovación educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, entre outras autoridades.

Liñas de actuación

Os contratos-programa son unha iniciativa de innovación educativa ao abeiro da que cada centro presenta propostas de actuacións para o reforzo do seu alumnado, baseándose nas súas particularidades, fortalezas e debilidades, arredor de 5 liñas diferentes nas que poden solicitar asinar un contrato-programa.

Deste xeito, a liña 1, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Así mesmo, a liña 2, de mellora das competencias clave, busca reforzar as competencias matemática, en comunicación lingüística e en ciencia e tecnoloxía.  Cómpre sinalar que este ano a liña de actuación número 2 subdivídese nas tres devanditas modalidades para avanzar no reforzo das competencias clave, de acordo coas liñas prioritarias da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

A liña 3 céntrase nas accións que repercuten na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa procurando, a un tempo, a prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; mentres que a liña 4 constitúe unha aposta pola atención á diversidade avanzado nas iniciativas de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. A liña 5 está centrada nos equipos docentes e directivos e ten como obxectivo a mellora da calidade na xestión dos centros.

Na provincia da Coruña, en concreto, os 109 centros participantes no curso 2014/2015 desenvolverán 222 iniciativas arredor das devanditas 5 liñas de actuación, un 55% máis ca no 12/13. Delas 84 correspóndense coa liña 1, de reforzo, orientación e apoio (PROA); 35 coa 2a, de mellora da competencia matemática; 22 coa 2b, de mellora da competencia lingüística; 9 coa 2c, de impulso da competencia científico-tecnolóxica; 33 coa liña 3, de mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; outras 29 coa liña 4, destinada a promover a excelencia educativa; e 10 coa 5, dirixida á mellora da xestión dos centros.

Un total de  350 centros educativos de toda Galicia – un 21% máis que no curso 12/13- desenvolverán este ano 709 actuacións nas diferentes liñas dos contratos-programa, beneficiando a case 53.500 alumnas e alumnos, case un 50% máis que hai 2 anos.

Dotación aos centros

Ademais do esforzo que supón o incremento anual de centros participantes nas catro provincias galegas, as distintas actuacións dos contratos-programa comportan un gran esforzo da Consellería tanto na dotación de profesorado como na asignación de recursos económicos para gastos de transporte e funcionamento.

Así, desde o día 9 de febreiro incorporáronse 95 profesores externos aos centros que desenvolven estas iniciativas, cifra moi similar á do curso pasado, ademais dos fondos adicionais que lles concede aos centros para que o profesorado en plantel asuma a impartición destes programas. En total este curso - entre ambas as modalidades- os contratos-programa implican a un total de 5.417 docentes.