A Xunta e o CCG abren novas vías de colaboración para a promoción exterior da cultura galega buscando vínculos coa lusofonía

O conselleiro de Cultura e Educación foi recibido polo presidente do Consello na súa primeira visita institucional a este organismo

O fomento do galego entre os escolares será outra das liñas prioritarias da colaboración entre ambas as entidades

Mar, 03/03/2015 - 19:55
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, mantiveron hoxe unha primeira xuntanza de traballo para abordar o desenvolvemento dos diferentes proxectos que ambas as dúas entidades teñen en marcha, así como para abrir novas vías de colaboración

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, mantiveron hoxe unha primeira xuntanza de traballo para abordar o desenvolvemento dos diferentes proxectos que ambas as entidades teñen en marcha, así como para abrir novas vías de colaboración. Delas, o conselleiro salientou a promoción interior e exterior da nosa cultura buscando vínculos coa lusofonía, así como o fomento da lingua galega entre os escolares a través de iniciativas como ‘No bico un cantar’, ou actuacións no ámbito do patrimonio.

Román Rodríguez sinalou o CCG como “unha institución estatutaria cuns fins e uns obxectivos cos que a Xunta de Galicia concorda”, entre os que sinalou a promoción da lingua galega e dos valores culturais da nosa terra nos diferentes ámbitos da sociedade. Neste sentido o conselleiro confiou en, a medio prazo, sacar adiante novos proxectos conxuntos que permitan avanzar nos obxectivos compartidos, co fin "de poñer a cultura do país bo sitio que merece".

Tras esta primeira toma de contacto inicial, o conselleiro asinou no Libro de Honra do Consello da Cultura Galega e recibiu - como membro do seu plenario- a insignia da institución, unha imaxe inspirada nun deseño de Filgueira Valverde que, a súa vez, nacera dunha creación de Castelao.