Educación, a Fundación Alcoa e El Progreso poñen en marcha o ‘Lugo Emprende’ para impulsar o emprendemento entre os estudantes da provincia e mellorar a súa empregabilidade

A iniciativa desenvolverase en 20 centros educativos de toda a provincia e incluirá accións de sensibilización e formación dirixidas tanto a alumnos como a docentes

O obxectivo é estimular o espírito emprendedor entre os rapaces e rapazas de Primaria, ESO, Bacharelato e FP e, deste xeito, que melloren as súas expectativas laborais

Mar, 03/03/2015 - 13:53
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou esta iniciativa
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou esta iniciativa nun acto no que estivo acompañado polo director de Alcoa Primario España, Rubén Bartolomé González, e polo director do diario El Progreso, Luis Rodríguez García. Á presentación tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.

A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Alcoa e o diario El Progreso colaboran na posta en marcha do programa ‘Lugo Emprende’, unha iniciativa que ten como principal obxectivo estimular o espírito emprendedor entre os estudantes e, deste xeito, fomentar o emprego entre os máis novos unha  vez que se incorporen ao mercado laboral.  

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou esta iniciativa nun acto no que estivo acompañado polo director de Alcoa Primario España, Rubén Bartolomé González, e polo director do diario El Progreso, Luis Rodríguez García. Á presentación tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.

Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo principal do ‘Lugo Emprende’ é “sensibilizar á comunidade educativa da provincia da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora”. Román Rodríguez salientou tamén a necesidade de asegurarlles a máxima preparación posible aos rapaces e rapazas para que sexan capaces de enfrontarse con éxito ao futuro laboral que lles espera ao saír das aulas.

Colaboración empresarial

O conselleiro de Cultura e Educación agradeceu a colaboración da Fundación Alcoa neste proxecto, que financia con 49.600 euros; e  que se suma a outras iniciativas no eido da formación profesional que contan co seu respaldo. Tamén expresou os seus parabéns ao diario El Progreso que -ao igual que fixera co proxecto ‘A Mariña emprende’- encargarase da difusión de cada unha das iniciativas que se leven a cabo ao abeiro desta iniciativa.

Cómpre lembrar que o proxecto ‘Lugo emprende’ enmárcase dentro da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación vén desenvolvendo a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’.

Entre outros aspectos como o da formación específica e os supostos prácticos para a posta en marcha dunha empresa, Román Rodríguez fixo especial fincapé no papel que xogan os docentes á hora de fomentar entre os seus alumnos a mellora de competencias relacionadas coa creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos e a responsabilidade. Trátase, por tanto, de inculcar a cultura emprendedora desde as etapas iniciais do ensino, para o cal se levarán a cabo diferentes actuacións de sensibilización e formación, dirixidas tanto ás alumnas e alumnos como ao seu profesorado.

Precisamente, o ‘Lugo Emprende’ está dirixido a alumnos de ciclos formativos de Formación Profesional, de Bacharelato, de 1º, 2º,3 e 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), de 6º curso de Educación Primaria e Ensinanzas  Especiais dos centros educativos da provincia de Lugo.

Compromiso cos xoves

Pola súa banda a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación dos xoves, que se materializa en diversas colaboracións coa Consellería, como o programa ‘A Mariña Emprende’, a incorporación da formación en prevención de riscos laborais en diversos centros de FP, entre outras iniciativas entre as que cabe destacar o ciclo de grao superior de Química Industrial no IES Marqués de Sargadelos e do ciclo de grao superior de Programación da produción en moldeado de metais e polímetros no IES Illa de Sarón, ambos froito da dita colaboración.

Así mesmo a Fundación Alcoa ven respaldando proxectos de institucións e organización para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.

Listado de centros participantes

Cómpre lembrar que esta iniciativa materializouse por primeira vez o pasado curso entre 8 centros educativos da zona da Mariña luguesa. Agora, para o presente curso 2014-2015, o proxecto amplíase a toda a provincia de Lugo e contará coa participación dun total de 20 centros.

Co fin de garantir a máxima accesibilidade e representatividade, escolléronse un centro por cada comarca da provincia (ata un total de 13 centros), catro centros a maiores polos concellos máis poboados (que son o CEIP Luis Pimentel en Lugo, o CPR Padres Escolapios en Monforte de Lemos, o CEIP Antonio Insua Bermúdez en Vilalba e o CEP Luís Tobío en Viveiro), e un centro máis por CIFP con viveiro de empresas que se corresponden cos CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CIFP Politécnico de Lugo, e o CIFP As Mercedes, tamén en Lugo.

No que atinxe ás comarcas, os centros escollidos son o CPI Uxío Novoneira (pola comarca dos Ancares), o IES Plurilingüe Fontem Albei (comarca da Fonsagrada), o IES Val do Asma (comarca de Chantada), o IES Sanxillao (comarca de Lugo), o IES de Foz (Mariña Central), o IES María Sarmiento (Mariña Occidental), o IES de Ribadeo (Mariña Oriental), o IES Pedregal de Irimia (comarca de Meira), o CPI Poeta Uxío Noveneira (comarca de Quiroga), o IES Gregorio Fernández (comarca de Sarria), o IES Lois Peña Novo (Terra Chá), o IES A Pinguela (Terra de Lemos), e o IES de Monterroso (comarca da Ulloa).