Román Rodríguez empraza a traballar en positivo e de xeito consensuado para reforzar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade

O conselleiro de Cultura e Educación lembrou hoxe no Parlamento que “temos as xeracións mellor preparadas” para ler e escribir en galego

Asegurou que impulsar a presenza da nosa lingua na sociedade “é unha tarefa de todos” e pasa por implicar ás familias, ao tecido empresarial, e aos ámbitos comercial, universitario e tecnolóxico, entre outros

Reiterou que a Xunta mantén a súa oferta de consenso e fixo un chamamento a buscar espazos de entendemento deixando a un lado as confrontacións

“Traballemos no que nos une e non no que nos separa”, apelou

Mér, 25/02/2015 - 16:10

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, fixo un chamamento a traballar de xeito intensivo e coordinado no obxectivo de impulsar un maior uso do idioma galego en todos os ámbitos sociais “porque -dixo- reforzar a presenza da lingua na sociedade é unha tarefa de todos” e abrangue todos os eidos desde a familia ao ámbito empresarial, xunto ao comercial, ao universitario e ao tecnolóxico, entre outros.

Así o manifestou durante a súa primeira intervención ante o Pleno do Parlamento de Galicia como responsable do departamento de Cultura e Educación, onde ratificou o firme compromiso do Goberno da Xunta coa potenciación e impulso da lingua propia de Galicia, convencido da súa utilidade. Tamén apelou á necesidade de apartar á cuestión lingüística do terreo da confrontación política.

Nesta liña, Román Rodríguez defendeu a busca de espazos de entendemento e propuxo traballar “sobre o que non une e non sobre o que nos separa”. A este respecto, anunciou que a oferta de diálogo e de consenso manifestada pola Xunta en reiteradas ocasións “sigue vixente”.

Engadiu que a procura dese consenso debe afrontarse “con visión aberta e plural” porque hai que convencer e animar aos galegos, sobre todo aos máis novos, para que queiran “empregar cada vez máis a lingua propia de Galicia para estar no mundo”, non só en relación ao castelán, senón tamén con outras linguas.

O conselleiro aludiu aos últimos datos do IGE, que certifican que o grao de coñecemento da lingua lida e escrita entre os galegos “é o máis elevado da historia”. De feito constátase un cambio de tendencia a favor do galego nos índices de coñecemento oral e escrito (xa que o 97,5 por cento da poboación sabeo falar fronte ao 96,9% en 2008), e que o galego continúa a ser a lingua maioritaria de Galicia (o 51,5% fala só galego ou máis galego que castelán).

Estas cifras avalan o “importante papel” que xoga o sistema educativo, e ademais corroboran “que temos as xeracións mellor preparadas para ler e escribir en galego, e mesmo para entendelo”, asegurou o conselleiro, quen recoñeceu que agora “a materia pendente,o principal reto, é que a xuventude o use”.

 

Por iso, dixo compartir a análise de distintos sectores da sociedade, en especial, a realizada pola RAE, sobre a necesidade de mellorar determinados aspectos, sobre todo no que respecta ao uso cotián da lingua en todos os ámbitos. Para tal fin reiterou o compromiso de avanzar desde a persuasión e o convencemento, nunca impoñendo.