A comisión de financiamento do Consello Galego de Universidades chega a un preacordo sobre o panel de indicadores do plan de financiamento 2011/2015

A Secretaría Xeral de Universidades resalta que o panel de indicadores será o que determine o reparto dos fondos que dependerán dos resultados obtidos por cada unha das universidades

Lun, 20/09/2010 - 18:55
Reunión da comisión de financiamento do Consello Galego de Universidades
Reunión da comisión de financiamento do Consello Galego de Universidades

O secretario xeral de universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro,  mantivo hoxe unha reunión comisión de financiamento delegada do Consello Galego de Universidades (CGU) para consensuar o panel de indicadores do plan de financiamento. No encontro, no que estiveron presentes o reitor da USC, Juan Casares Long, os vicereitores económicos das tres universidades galegas, representantes dos Consellos Sociais e dos partidos parlamentarios, chegouse a un principio de acordo sobre estes indicadores.

Deste xeito, a partires do consenso acadado a comisión continuará o seu traballo neste eido nas vindeiras semanas. Ademais, nos vindeiros días haberá un novo encontro para que as universidades expoñan as súas necesidades económicas á Xunta de Galicia. A primeiros de outubro reunirase de novo a comisión para comezar a tratar o reparto entre as universidades das cantidades globais para os seus orzamentos de 2011.
Deste modo cumpriuse co acordado na última reunión do CGU, celebrada o pasado 28 de xullo, no que se informou favorablemente o documento denominado “Liñas básicas para a elaboración do plan de financiamento do Sistema Universitario Galego 2010-2015”. Así a Consellería continúa a cumprir cos prazos acordados nesta reunión, onde por unanimidade se estableceu unha folla de ruta cuns criterios básicos para o reparto das cantidades ás tres universidades no vindeiro quinquenio.

Deste xeito a Consellería asegura, unha vez máis, que se está a traballar na distribución de fondos para as universidades galegas e, polo tanto, en beneficio dos estudantes. Se ben non se pode esquecer que desde hai anos o financiamento das universidades non está baseado no reparto de cartos por estudantes, senón no gasto corrente das universidades; fundamentalmente no custe do cadro de persoal, segundo vén reflectido no actual Plan de Financiamento do Sistema Universitarios de Galicia (2005-2010), que foi asinado o 29 de novembro de 2004 polos entonces reitores das universidades galegas.
Bases do plan

Desde a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación recórdase que as bases para o novo plan de financiamento, que entrará en funcionamento no 2011, establecen mecanismos como o plan de sustentabilidade e o panel de indicadores.

Deste modo poderase, de xeito gradual, modificar o financiamento das universidades en función de que acaden os obxectivos fixados, dando unha resposta aos esforzos reais e aos seus resultados.

Conforme a isto desde principio do 2010 a Consellería facilitou aos representantes da comisión de financiamento unha ampla proposta de indicadores. As tres universidades presentaron nestes días as súas alegacións, que foron debatidas na comisión de financiamento no día de hoxe.