Os informes técnicos indican que o petróglifo do Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro non está afectado

Os labores de roza mecánica realizados na contorna dunha das rochas con gravados non danou as figuras rupestres

A Consellería e expertos na materia valoran as medidas a levar a cabo logo das alteracións ocasionadas na parte superior do afloramento granítico do petróglifo

As actuacións de acondicionamento que se executan no ámbito do PAAR de Campo Lameiro seguen un estrito protocolo que será verá reforzado

Mér, 18/02/2015 - 18:42

Os estudos realizados sobre o estado de conservación do petróglifo Laxe da Forneiriña do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro indican que os elementos rupestres deste ben patrimonial non están afectados. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia.

Preguntado por portavoces do PPdeG, do PSdeG e do BNG, o responsable da Secretaría Xeral de Cultura informou de que as figuras do gravado non sufriron danos logo de que se detectara a presenza dunha máquina no contorno do petróglifo mentres realizaba labores de roza. O que si se constatou, segundo explicou, foi unha alteración parcial e de alcance limitado na sección superior do afloramento granítico, consistente na eliminación da pátina biolóxica da figura, isto é, da súa cuberta vexetal, que é, polo tanto, reversible, ao non danar os xa de seus leves sucos.

Medidas a levar a cabo

Proba de que os elementos rupestres non resultaron danados é a proposta de consolidación que se inclúe neste segundo informe, solicitado pola Consellería logo da diagnose inicial realizada pola dirección do parque. Concretamente, a avaliación propón unha actuación de consolidación que inclúe medidas como o lavado do afloramento, o selado da súa placa superior (para evitar acumulacións de auga que poidan chegar a xearse e danar a rocha); así como na eliminación dalgúns restos superficiais de óxido lixeiramente adheridos á rocha.

A Consellería e expertos na materia están a valorar as actuacións para seren executadas a partir do mes de abril, co fin de garantir a máxima efectividade dos tratamentos a realizar, por cuestións basicamente climatolóxicas.  

Cumprimento das obrigas

Respecto da actuación levada a cabo pola Consellería, o secretario xeral destacou a actitude proactiva do departamento para cumprir coa súa obriga legal de velar pola protección e conservación do patrimonio cultural galego e recordou que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural actúa sempre coa máxima celeridade e prontitude naqueles casos nos que se fai preciso adoptar medidas para facer efectiva esa protección, coas únicas limitacións que impoñen as esixencias legais e técnicas, así como tamén o propio curso das indagacións postas en marcha en cada caso.

Protocolo de roza

As actuacións de roza que periodicamente se realizan no PAAR de Campo Lameiro, co fin de mantelo nas mellores condicións de acondicionamento posible, seguen un estrito protocolo que conta con toda unha serie de mecanismos de control e seguimento precisamente destinados a detectar calquera posible desviación na súa aplicación práctica.

Entre as súas medidas, que se verán reforzadas, inclúese a combinación de traballos de roza manual e de roza mecánica. Os labores de roza son adaptados especificamente ás características de cada área, executándose unha roza manual inicial no contorno das rochas con gravados, precisamente para establecer un perímetro de seguridade o suficientemente amplo que permita facilitar a súa identificación e visibilidade, e evitar calquera afección ou alteración sobre estas.

Así mesmo, procédese ao balizado daquelas rochas que poden resultar menos visibles en superficie polas súas menores dimensións ou por estaren a rentes do chan. Por último, no resto de áreas nas que non existen estes elementos, procédese a executar a roza por medios mecánicos, coa expresa indicación de que se trate de evitar calquera elemento pétreo do recinto para evitar posibles afeccións sobre estes.

Neste contexto xeral de actuación, detectada a presenza dunha máquina na contorna do petróglifo da Laxe da Forneiriña 3 no marco da realización de labores de roza, a dirección do parque procedeu de inmediato a paralizar todas as actuación que se estaban a executar nesa área concreta, así como a retirar a maquinaria pesada dese sector e do propio parque, coa finalidade de evitar calquera afección sobre os bens arqueolóxicos alí localizados.

O PAAR de Campo Lameiro

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, situado en Campo Lameiro (Pontevedra), é o centro autonómico de referencia para a acción de difusión, estudo e conservación dos petróglifos de Galicia. O parque desenvolve unha oferta cultural e educativa permanente arredor dos bens patrimoniais que alberga. Ademais das visitas guiadas, nos últimos meses realizáronse sesións de arqueoloxía experimental, exposicións e actividades culturais diversas.