O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, subliña que a exposición sobre Picasso coloca á Coruña no triángulo vital e artístico do pintor e convérteo en ‘marca Galicia’

O Museo de Belas Artes da Coruña acolle a mostra sobre a etapa coruñesa do pintor malagueño, onde viviu e se formou entre finais de 1891 e mediados de 1895

Trátase de máis de 200 pezas -81 delas do propio artista- presentadas de xeito cronolóxico e que xiran a redor de catro eixos artísticos

Mér, 18/02/2015 - 13:40
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na presentación da exposición 'El primer Picasso. A Coruña 2015'

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asegurou hoxe que a mostra “El primer Picasso. A Coruña 2015” representa “o primeiro proxecto expositivo que aborda de xeito exclusivo a etapa galega do artista”. Así o salientou durante a rolda de prensa de presentación da mesma, que poderá visitarse a partires do venres, día 20, no Museo de Belas Artes da Coruña.

Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou que esta mostra supón corrixir unha débeda “co propio artista, coa cidade da Coruña e con todos os galegos e galegas”. O conselleiro recalcou ademais que desde o departamento que dirixe ten “a responsabilidade de espallar os nosos valores universais” e Picasso “tamén forma parte do noso patrimonio cultural”.  Segundo dixo, “a partir de agora, A Coruña xa forma parte, con Málaga e París, do triángulo vital e artístico de Pablo Picasso. De feito –engadiu- Picasso xa é marca Galicia”.

A mostra está centrada no período que o pintor malagueño universal pasou na cidade herculina entre 1891 e 1895. A este respecto, o  responsable de Cultura do Goberno galego aludiu á Escola de Belas Artes da Coruña, onde Pablo Ruiz Picasso “se conformou como artista” e onde realizou a súa primeira exposición, da que agora se conmemoran o seu 120 aniversario.

Recoñecemento e parabéns

Doutra banda, o conselleiro aproveitou para poñer en valor o labor de todo o equipo do Museo de Belas Artes da Coruña, encargado da planificación promoción e difusión da exposición, da coordinación e elaboración do catálogo, do desenvolvemento de actividades complementarias como un programa didáctico, conferencias específicas e as visitas guiadas; así como da catalogación e dixitalización do material.

Así mesmo estendeu as súas felicitacións ao Concello da Coruña, o impulsor da iniciativa desde o primeiro momento e –a través da Fundación Emalcsa- o encargado de todos os trámites. Tamén amosou os seus parabéns ao Museu Picasso de Barcelona pola colaboración especial prestada, e aos patrocinadores da mostra.

No acto de presentación desta exposición -que mañá xoves inauguran SS MM Os Reis de España-, o conselleiro Román Rodríguez estivo estivo acompañado do alcalde da Coruña, Carlos Negreira; da directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas; e da comisaria da exposición e conservadora do Museu Picasso de Barcelona, Malén Gual. 

Á presentación pública da mostra asistiron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

A mostra

A mostra reúne máis de 200 pezas -81 delas do propio Picasso- que xiran a redor de catro grandes eixos artísticos: a súa obra na Coruña, a obra posterior ao seu paso pola cidade pero que garda relación co período galego, a obra doutros pintores galegos contemporáneos á estancia do artista na cidade, e material variado do século XIX vinculado coa obra realizada polo autor malagueño en Galicia.

A exposición aparece estruturada de forma cronolóxica e nela abórdanse 11 núcleos temáticos como son o contexto histórico, a formación académica, o bestiario (animais como pombas ou touros, elementos simbólicos recorrentes que se converterán en icónicos na súa obra), xornais e caricaturas, cadernos, paisaxes, costumbrismo, familia, retratos, morriña e fotografías.