Cultura e Educación impulsa os servizos bibliotecarios con axudas para renovar as coleccións bibliográficas en 98 concellos
As subvencións destínanse á adquisición de libros, recursos electrónicos e material sonoro e audiovisual que permita actualizar os fondos das bibliotecas, e a atender as demandas dos usuarios
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concedeulles axudas a 98 concellos de toda Galicia para a mellora e renovación das coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias de lectura da comunidade. As subvencións destinaranse á adquisición de libros, recursos electrónicos, material sonoro e audiovisual, partituras e material cartográfico co obxectivo de actualizar os fondos das bibliotecas e atender as demandas dos usuarios e usuarias.
As contías concedidas ao abeiro desta convocatoria, dotada con 160.000 euros para o período do 1 de xaneiro de 2014 ao 15 de abril de 2015, publícanse hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’, e van desde os 553,64 euros ata os 2.768,08 euros. Os destinatarios desta liña de subvencións, convocada en 2014 por vez primeira, son os concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes. Isto favorece que os municipios con menos recursos poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e ofrecer uns servizos de similar calidade aos dos máis poboados de Galicia, que recibiron en anos anteriores un maior volume de axudas.
Relación de concellos
Os concellos beneficiados son Abegondo, Alfoz, Antas de Ulla, Aranga, Arbo, Ares, Baiona, Barbadás, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Bueu, Burela, Cabana de Bergantiños, Caldas de Reis, Camariñas, Cambre, Cangas, Carral, Castro de Rei, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Coirós, Covelo, Culleredo, Cuntis, Dodro, Fene, Foz, O Grove, Irixoa, A Laracha, Laxe, Leiro, Lourenzá, Malpica de Bergantiños, Marín, Meis, Melide, Mesía, Miño, Moaña, Monforte de Lemos, Monterroso, Mos, Mugardos, Muros, Neda, Nigrán, Ortigueira, Outes, Padrón, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, A Pobra do Caramiñal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, O Porriño, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa, Sada, Salceda de Caselas, San Cibrao das Viñas, Santa Comba, Sarria, O Saviñao, Silleda, Sober, Soutomaior, Tordoia, Trazo, O Valadouro, Valdoviño, Valga, Verín, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilalba, Vilariño de Conso, Vimianzo, Xermade, Xove, Xunqueira de Ambía e Zas.
Ampliación dos fondos bibliográficos
Con estas axudas, a Consellería de Cultura e Educación contribúe a facer das coleccións bibliotecarias un recurso dinámico, enriquecido anualmente coa chegada de materiais novos para satisfacer as demandas xerais dos usuarios e usuarias e para ofrecer un servizo de calidade no conxunto de centros que conforman a Rede de Bibliotecas de Galicia.
Con este mesmo fin, a Secretaría Xeral de Cultura investiu en 2014 264.440 euros na adquisición de novidades bibliográficas e solicitudes de compra dos usuarios para as coleccións das bibliotecas centrais territoriais dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Lotes fundacionais
Por outra parte, a Xunta de Galicia asumiu o pasado ano a adquisición dos lotes fundacionais, compostos dun mínimo de 1.500 títulos, de varias bibliotecas públicas de nova creación: a Biblioteca Pública Municipal Ágora (A Coruña), a Biblioteca Pública Municipal de Carballo e a Biblioteca Pública Municipal de Santa Marta (Santiago de Compostela), cun investimento de 54.000 euros.