O secretario xeral de Universidades, en representación de Cultura e Educación, inaugura a XXV Edición das Xornadas Hispano-Lusas de Xestión Científica no campus ourensán da Universidade de Vigo
O obxectivo deste congreso é a promoción e colaboración en proxectos de ensino e investigación entre universidades españolas e portuguesas
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, en representación da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abriu hoxe as XXV Xornadas Hispano-Lusas de Xestión Científica na Facultade Ciencias Empresariais e Turismo do campus ourensán da Universidade olívica. O congreso, que se clausurará mañá, reúne a 300 relatores para expor máis de 250 proxectos de investigación.
Díez de Castro subliñou durante a súa intervención que “este congreso é un referente no ámbito ibérico da xestión empresarial que ten cada vez máis relevancia nos eidos atlánticos e latinoamericano”. O secretario xeral de Universidades rematou a súa intervención gabando ás xornadas pola “tarefa ambiciosa de progresar no coñecemento empresarial cunha visión prospectiva e práctica”
O obxectivo deste conclave é o fomento e a cooperación en plans de ensino e investigación entre universidades españolas e portuguesas, servindo como plataforma para o intercambio de ideas en diversos ámbitos e áreas de investigación científica. A ampla traxectoria do evento, que celebra este ano o seu vixésimo quinto aniversario, e o seu prestixio repercute moi positivamente no Sistema Universitario de Galicia, especialmente pola veciñanza con Portugal, que abre amplas posibilidades para o establecemento de un amplo abano de colaboracións.
Este simposio é o primeiro que se enmarca na nova liña de actuación da Consellería de Cultura e Educación para apoiar a celebración de grandes congresos universitarios nos sete campus galegos, polo que se asinou un convenio no que cada universidade incluirá os eventos máis relevantes por orzamento, número de participantes e repercusión sobre a cidade na que se realiza.
O fin deste novo procedemento de soporte ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) é favorecer o desenvolvemento de grandes actos destas características, tanto polas oportunidades académicas que ofrecen como para favorecer os beneficios do turismo de congresos en Galicia. A intención da Consellería é o afianzamento destes servizos posto que repercuten de xeito indiscutible tanto na creación de riqueza na cidade de acollida como no aumento do prestixio para a universidade que o organiza.