Xesús Vázquez Abad visita o CIFP Compostela, un referente na oferta de formación da familia profesional de hostalaría

O conselleiro de Cultura e Educación lembra que Galicia fixo “a maior oferta de FP Básica de España”, con 18 titulacións e 8 programas formativos para alumnado con necesidades especiais

Hai un total de 4.240 prazas en 212 grupos distribuídos por toda a xeografía galega

Xov, 05/02/2015 - 13:27
Xesús Vázquez Abad visita o CIFP Compostela
Xesús Vázquez Abad visita o CIFP Compostela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CIFP Compostela, qué é un dos centros de referencia na oferta de formación da familia profesional de Hostalaría, e un dos máis antigos en impartir esta modalidade. Acompañado do director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, o conselleiro coñeceu de primeira man o funcionamento do ciclo de FP Básica de Cociña e Restauración, que se suma á de Aloxamento e Lavandería e de Artes Gráficas, tamén ofertadas neste centro.

En referencia aos alumnos e alumnas que cursan Cociña e Restauración, Vázquez Abad salientou “poder comprobar con satisfacción cómo un grupo coma este un exemplo do como a Formación Profesional Básica está funcionando no seu primeiro ano de aplicación” e animounos a seguir aplicándose a nivel formativo nunha rama con importante proxección no mundo laboral.

O conselleiro de Cultura e Educación lembrou que Galicia fixo a maior oferta de FP Básica de España en termos porcentuais, con 18 titulacións e 8 programas formativos para alumnado con necesidades educativas especiais, no que é “clara aposta por facilitar o acceso a todos os interesados en cursar estas ensinanzas”. Isto tradúcese nun total de 4.240 prazas ofertas en 212 grupos distribuídos por toda a xeografía galega. Tamén sinalou que esta nova modalidade de formación “é un reto de futuro” para aqueles rapaces e rapazas que buscan unha alternativa a unha educación secundaria que non se axusta aos seus intereses.

No que atinxe ao CIFP Compostela, onde cursan estudos algo máis de 1.000 alumnos e alumnas, cómpre destacar que tamén forma parte da Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría, unha iniciativa que enmarca os 8 centros públicos de Galicia especializados nesta familia profesional. A este respecto, Xesús Vázquez Abad salientou que se trata dun “espazo vivo e dinámico de intercambio de experiencias e de innovación” que será esencial para que os futuros profesionais poidan prestar “servizos de vangarda e de excelencia” neste ámbito.

Doutra banda, ademais do compromiso coa Formación Profesional e cos seus contidos formativos, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, ratifica a súa aposta por unhas instalacións educativas que ofrezan ao alumnado as mellores posibilidades. Neste senso, cómpre lembrar que a Consellería leva investidos no CIFP Compostela uns 130.000 euros nos últimos cinco anos, que permitiron acometer importantes melloras neste centro como foi a climatización, as instalacións eléctricas, a rede de saneamento, ou o peche do mesmo, entre outros.