‘Escenas do cambio’ converte o Museo Centro Gaiás nun parlamento dirixido polos espectadores de ‘Pendiente de voto’
A xornada do xoves estará protagonizada polo “teatro de emersión” de Roger Bernat, no que o público será quen decida, a través dun mando a distancia, todo o que pase na obra: desde quen actúe a canto dure
Matarile Teatro, unha das compañías indispensables para entender o teatro galego deste século, estará no Gaiás ás 18:30 horas con ‘Teatro invisible’
‘Escenas do cambio’ estréase hoxe con dúas obras portuguesas: ‘Atlas Santiago de Compostela’ de Borralho & Galante, e ‘Vontade de ter vontade’ de Cláudia Dias
O teatro, a danza e as artes en movemento chegan hoxe ao Museo Centro Gaiás da man do festival ‘Escenas do cambio’, no que durante tres semanas a experimentación xunto a novidosas linguaxes e formatos serán protagonistas da Cidade da Cultura.
Cen cidadáns sen experiencia previa no teatro convertidos en protagonistas dun atlas da xeografía humana e dúas toneladas de area para facer do Museo Centro Gaiás unha gran praia inauguran hoxe unha xornada con nome portugués: ‘Atlas Santiago de Compostela’ de Borralho&Galante ás 20:30 horas, e ‘Vontade de ter Vontade’ de Claudia Dias ás 18:30.
A xornada de mañá, 5 de febreiro, terá o “teatro de emersión” de Roger Bernat como protagonista, co público asistente a ‘Pendiente de voto’ convertido en improvisados deputados que deberán elixir a cor política que goberne e todo o que suceda da obra, incluída a súa duración. Considerado un dos homes de teatro máis apaixoantes do momento actual, Bernat fuxe coas súas obras da escenografía e da ornamentación e fai da interacción co público o eixe central das súas creacións.
En ‘Pendiente de voto’, Bernat experimenta co poder da palabra: “Vexamos que sucede se de súpeto, a falta de todo poder efectivo, o papel da palabra volve ser aquel, orixinalmente político, de convencer a quen escoita”. Durante dúas horas, o Museo Centro Gaiás acollerá políticos verdadeiros contra os verdadeiros políticos; ou política verdadeira contra toda forma de realpolitik.
Aportación de Matarile Teatro
Antes de Bernat, o Museo Centro Gaiás recibe a unha compañía indispensable para entender o teatro galego do século XXI: Matarile Teatro. A partir das 18:30 horas, Ana Vallés subirá ao escenario con ‘Teatro invisible’, máis que unha obra unha declaración de principios, un encontro artístico directo co público no que prima a función fática e a dicción filosófica en amalgama de accións escénicas sutís. ‘Teatro invisible’ parte dun encontro entre Vallés e alumnos da ESAD en 2012, que se concretou nunha conferencia de apariencia teatral que deu lugar a un coloquio.
Matarile Teatro trae, deste xeito, ao Gaiás unha homenaxe á historia do teatro, unha reflexión profunda sobre o complexo momento actual dunha arte obrigada a reinventarse. Local e universal a un tempo, Teatro Invisible confía na presenza escénica, nos xestos claros, nas palabras limpas e consegue reconciliarnos co esencial.
Conferencia de Thomas Walgrave
Xunto ás pezas artísticas, a primera semana do festival acolle tamén a grandes nomes da xestión cultural contemporánea, que ofrecerán conferencias con entrada de balde. Este ciclo de relatorios inaugúrase hoxe coa coreógrafa Olga Mesa e a charla ‘Principio de… Vocabulario en la frontera de la visión’ a partir das 17 horas na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás.
Mañá será a quenda de Thomas Walgrave, director do Alkantara Festival de Lisboa, un dos festivais de teatro máis importantes da actualidade, do que fará unha breve descrición desde o seu nacemento como un evento puntual ata a súa transformación en plataforma de danza contemporánea primeiro e o actual festival internacional e interdisciplinar.
Xunto coa necesidade de ofrecerlle novas propostas ao público, ‘Escenas do cambio’ trata de ser un lugar de confluencia de profesionais do sector das artes escénicas. Por iso, conta con varios grupos de reflexión que serven de acompañamento a festival, e que tamén se celebrarán nesta primeira semana.
Esta parte máis profesional do festival arrancou esta mañá cun grupo de reflexión dedicado aos xestores culturais dirixido por dous grandes da escena nacional: Olga Mesa e Xesús Ron. De forma paralela, ‘Escenas do cambio’ dedica un espazo para novos artistas baixo a coordinación de Cláudia Dias e Idoia Zabaleta. Ambos os dous grupos de reflexión teñen continuidade mañá ás 11:30 e ás 17:00 horas.
Entradas a 8 euros
As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros. ‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.