A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Ferrol ampliarán ao CEIP A Laxe a colaboración na prestación do servizo de comedor escolar

O conselleiro visitou hoxe o CEIP de Ponzos, que acaba de incorporarse a esta rede

Un total de 347 usuarios xantan nos centros educativos do municipio ferrolán ao abeiro deste acordo

Estas ampliacións demostran a sensibilidade do departamento educativo da Xunta ás demandas da comunidade educativa

Mér, 04/02/2015 - 13:30
O conselleiro visitou hoxe o CEIP de Ponzos
O conselleiro visitou hoxe o CEIP de Ponzos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; visitou hoxe o CEIP de Ponzos, que acaba de unirse aos centros comprendidos no convenio asinado entre a Consellería e o Concello de Ferrol

para a xestión do servizo de comedor escolar en centros de ensino público. Ao abeiro desta addenda engádense 47 novos comensais aos beneficiados polo acordo, que chega xa a un total de 347 usuarios. Ademais, a Consellería asumiu o peche dun porche do colexio para a instalación do comedor, o que supuxo un investimento de case 30.000 euros.

Vázquez Abad anunciouno marco desta visita que o seu departamento investirá 10.000 euros para habilitar un comedor no CEIP A Laxe, que tamén se incorporaría á devandita rede. Deste xeito, a colaboración entre Consellería e Concello beneficiaría a un total de 10 centros, o devandito e máis o CPI Almirante Juan de Lángara y Huarte e os CEIP Cruceiro de Canido, Recimil, Isaac Peral, Manuel Masdias, San Xoán de Filgueira, Esteiro, Pazos e de Ponzos. Estas ampliacións demostran a sensibilidade do departamento educativo da Xunta ás demandas da comunidade educativa.

Durante a súa visita ao CEIP de Ponzos, o conselleiro estivo acompañado polo director, Miguel Anxo Casteleiro; pola delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.

Colaboracións en materia de comedores

No marco deste acordo de colaboración, a Consellería subvenciona os menús do comedor escolar. Pola súa banda, o Concello comprométese á elaboración dos menús escolares, á repartición e recolla deles nas mesas do comedor; así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas. Neste momento – ademais de en Ferrol- existen convenios de colaboración para a prestación deste servizo cos concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Mugardos, Muíños, Oroso e Santiago de Compostela.

Con este tipo de acordos, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad reafirma o seu compromiso con este tipo de servizo complementario educativo. O número de usuarios de comedor escolar ascende este curso (incluíndo as prazas xestionadas pola Xunta, os concellos e as ANPA) a máis de 71.700 comensais, o que supón un incremento do 23,67% respecto das prazas que había no curso 2008/09. Cómpre lembrar, ademais, que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español. De feito, o 83,47% dos comensais utilizan o comedor totalmente de balde ou pagando tan só un euro.