O conselleiro de Cultura e Educación salienta un incremento do 62,5% na oferta educativa do CIFP Ferrolterra desde a súa conversión en centro integrado
Xesús Vázquez Abad agradeceu a colaboración da comunidade educativa para facer deste proceso un éxito
O titular do departamento educativo visitou o viveiro de empresa do centro, que foi inaugurado o pasado curso e que xa conta cun un emprendedor cun negocio en marcha
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CIFP Ferrolterra, onde salientou un incremento da oferta educativa do 62,5% neste centro en tan só 4 cursos, froito da súa conversión en Centro Integrado de Formación Profesional, “o que avala a decisión tomada pola Xunta”. Neste sentido Vázquez Abad agradeceu o labor e a colaboración de toda a comunidade educativa “por ter sacado este reto adiante cun indubidable éxito”.
Vázquez Abad visitou hoxe o viveiro de empresa deste centro, un dos creados pola Consellería o pasado curso para estender a Rede de Viveiros de Empresa a un total de 17 centros educativos de Galicia, ao consideralos unha clara oportunidade para que esta xeración de titulados poda emprender e construír o seu futuro sobre bases sólidas. De feito este viveiro, creado no ano 2014, acolle xa unha empresa en funcionamento, pasada a fase de asesoramento e posta en marcha. “Polo tanto, un gran avance que debemos agradecer especialmente ao profesorado e á comunidade educativo do centro”, sinalou o conselleiro.
Cómpre lembrar, así mesmo, que a Consellería acaba de anunciar unha colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo para ampliar 2 dos viveiros existentes (CIFP A Farixa e A Carballeira-Marcos Valcárcel) e para crear outros 4 novos (IES García Barbón, de Verín, e outros 3 aínda por concretar na provincia de Pontevedra).
Viveiros por provincias
A Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos está conformada por 17 viveiros. Así, na provincia da Coruña existen 6 viveiros, con 7 empresas en distintas fases e 1 empresa funcionando fóra do viveiro. Trátase do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, do CIFP Someso (ambos na cidade da Coruña); 1 no CIFP Politécnico de Santiago; e 2 en Ferrol (un deles no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e outro no CIFP Ferroltera); e 1 no IES de Fene
Na provincia de Lugo existen 3 viveiros con 2 empresas funcionando xa. Son dous na cidade da Muralla (o CIFP Politécnico de Lugo e o CIFP as Mercedes) e un terceiro no CIFP Porta da Auga en Ribadeo.
En Ourense existen 3 viveiros e 11 empresas con proxectos en distintas fases e outras 3 empresas xa funcionando fóra do viveiro. Trátase dos viveiros do CIFP Portovello, do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e do CIFP A Farixa, todos eles en Ourense cidade.
Finalmente en Pontevedra existen 5 viveiros con 12 empresas en distintas fases e 9 xa funcionando fóra do viveiros. Dous dos viveiros están en Pontevedra cidade (IES Luís Seoane e CIFP A Xunqueira); outros dous en Vigo (CIFP Manuel Antonio e IES Ricardo Mella), e outro no CIFP A Granxa en Ponteareas.